Monforte celebra o San Antonio coa tradicional procesión

RibeiraSacraXa
Ao longo das xornadas deste sábado e domingo a festa continuará con actividades lúdicas e musicais
procesion-san-antonio-monforte
13 Jun 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto con varios membros do equipo de goberno municipal, encabezou a representación institucional nos actos celebrados este sábado con motivo da festividade de San Antonio, unha das citas tradicionais máis destacadas do barrio monfortino.

A xornada festiva arrincou ás 9.00 horas coa bendición e venda de roscas fronte á igrexa de San Antonio e na Praza de Santa Clara. A continuación, a música tomou as rúas coa participación da charanga NBA e de Os Xograres de Lemos, encargados de animar as dianas e alboradas.

Xa ao mediodía, ás 12.30 horas, celebrouse a misa solemne na igrexa, seguida da procesión polas rúas próximas, na que participou a comitiva institucional integrada polo alcalde e varios membros da corporación municipal, entre eles a tenente de alcalde, Gloria Prada, así como responsables de diferentes áreas de goberno.

Durante o percorrido realizouse, como é tradición, o lanzamento de pétalos de rosas á imaxe do santo. A xornada continuou posteriormente cun viño ofrecido por adegas da Ribeira Sacra e un aperitivo na Praza do Campo de San Antonio, nun acto organizado pola comisión de festas.

O Concello de Monforte colabora cada ano coa celebración destas festas, que o alcalde define como “as segundas patronais da cidade”, polo seu peso na vida social e pola elevada participación veciñal. A achega municipal inclúe unha subvención de 3.000 euros, así como o reforzo de servizos de limpeza e o apoio loxístico coa cesión de espazos e materiais.

As Festas de San Antonio continúan este domingo cunha xornada centrada nas actividades lúdicas e musicais. Ás 10.00 horas está prevista unha salva de bombas para anunciar o último día da celebración.

Media hora despois, ás 10.30 horas, actuarán a Agrupación Amigos da Pandeireta e Cadela Asasina nas inmediacións do barrio. A programación continuará ás 11.30 horas con xogos infantís no Campo de San Antonio.

Xa pola tarde, ás 13.00 horas, celebrarase a sesión vermú coa charanga Os Sureños, mentres que o broche final chegará ás 21.00 horas coa actuación do grupo Punto Clave.

PORGRAMA COMPLETO DAS FESTAS DE SAN ANOTONIO DE MONFORTE 2026

0.12417316436768