Monforte activa este venres o dispositivo especial de tráfico e seguridade para as Festas Patronais

O Concello de Monforte de Lemos porá en marcha este venres, 7 de agosto, o dispositivo especial de tráfico e seguridade das Festas Patronais, que se celebrarán entre os días 11 e 16 de agosto. A primeira medida será o peche do estacionamento do Parque dos Condes a partir das 23.00 horas para permitir a instalación das barracas e atraccións festivas.
O operativo, deseñado pola Policía Local, regulará tanto a circulación como as zonas de estacionamento durante os preparativos, os días das festas e a desmontaxe das instalacións, prevista ata o 18 de agosto.
Como alternativa ao aparcadoiro do Parque dos Condes, manterase operativo o estacionamento da rúa Sarria e habilitarase un solar na rúa Francisco Moure, situado tras o paso a nivel, xunto ao edificio de Fenosa, que permanecerá aberto ata que finalicen as festas.
Ademais, desde o domingo 9 de agosto suprimirase o estacionamento nun tramo da rúa Compañía para facilitar a montaxe das instalacións festivas. A partir do luns 10 ampliarase a prohibición a outras zonas da mesma rúa e tamén á marxe dos números pares da rúa Dalmiro de la Válgoma, que pasará a funcionar con dobre sentido de circulación durante os festexos.
Entre o 11 e o 16 de agosto estableceranse cortes diarios de tráfico desde as 18.00 horas ata a finalización das actuacións musicais, prevista arredor das 4.00 horas. As restricións afectarán principalmente á rúa Compañía e ao primeiro tramo da rúa Escultor Francisco Moure, con desvíos alternativos para acceder ás diferentes zonas da cidade. Tamén haberá restricións puntuais con motivo dos actos do Día da Patroa e dos espectáculos pirotécnicos previstos os días 15 e 16 de agosto.
O Concello advirte de que tanto os horarios como as datas previstas poderán modificarse en función das necesidades que xurdan durante o desenvolvemento das festas, mantendo sempre a correspondente sinalización.
O dispositivo de seguridade estará coordinado pola Policía Local e a Policía Nacional, coa colaboración da Garda Civil, que realizará controis de velocidade, alcoholemia e drogas nos accesos á cidade. A Policía Autonómica reforzará a prevención do consumo excesivo de alcohol nas zonas de maior concentración de público.
O operativo contará tamén coa presenza do Consorcio Provincial de Bombeiros, que se situará inicialmente na contorna da rúa Escultor Francisco Moure e desprazarase posteriormente a San Vicente e ao Paseo do Malecón durante as xornadas con maior afluencia. Así mesmo, haberá un servizo permanente de ambulancia nos espazos de maior concentración de asistentes.
NOVO PUNTO VIOLETA
Como novidade deste ano, o Concello ampliará o servizo do Punto Violeta cun dispositivo móbil que complementará o espazo fixo situado nas Casitas dos Escolapios.
O Punto Violeta fixo funcionará como espazo de información, sensibilización e atención confidencial a posibles vítimas de violencias machistas ou lgtbifobia. Estará operativo desde as 22.00 horas todos os días das festas, cun horario que variará segundo a programación de cada xornada.
Pola súa banda, o Punto Violeta móbil estará atendido por persoal especializado que percorrerá as zonas de concertos e ocio cun distintivo visible para facilitar a detección de situacións de risco e ofrecer apoio inmediato ás persoas que o precisen.
Ademais, durante todas as Festas Patronais instalaranse baños públicos en dous puntos do recinto festivo: na nova rúa Parque dos Condes, xunto á fonte inaugurada recentemente, e na rúa situada entre o parque infantil da Compañía e o muro do Colexio dos Escolapios.