Monforte acolle o luns un curso sobre gandaría intensiva

RibeiraSacraXa
Monforte acolle o luns un curso sobre gandaría intensiva no Centro de Formación e Experimentación Agraria en horario de 10.00 a 14.15 horas
vacas gando animais gandeiria
vacas gando animais gandeiria
20 Out 2022

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar un curso en Monforte de Lemos sobre gandaría intensiva. A formación celebrarase o vindeiro luns 24 de outubro no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos en horario de 10.00 a 14.15 horas.

O curso centrarase nos aspectos produtivos e de manexo para unha correcta alimentación da gandaría intensiva. Así, a formación ten como obxectivo que os alumnos comprendan os conceptos básicos, tanto teóricos como prácticos, da anatomía, a fisioloxía e a alimentación animal, así como os procesos produtivos e os requisitos nutricionais en función de cada especie para un correcto manexo dos sistemas de produción.

Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas

Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103, ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.es.

0.20264720916748