Monforte acolle este xoves unha conferencia divulgativa sobre a eclipse solar do 12 de agosto

O Concello de Monforte de Lemos organiza este xoves, 2 de xullo, unha conferencia divulgativa sobre a eclipse solar que terá lugar o vindeiro 12 de agosto, un fenómeno astronómico que poderá observarse desde Galicia e que situará a Monforte como un dos puntos privilexiados para a súa contemplación.
A actividade, organizada conxuntamente coa Deputación Provincial de Lugo, desenvolverase na Casa da Cultura ás 20.15 horas, con entrada libre ata completar aforo. Será impartida pola doutora en Astrofísica Lucía González Cuesta.
Durante a sesión abordaranse os aspectos básicos sobre as eclipses solares, así como as fases e horarios do fenómeno do 12 de agosto, os mellores lugares para a súa observación e os materiais homologados que deben empregarse para protexer a vista. Tamén se analizará a importancia cultural e histórica deste tipo de acontecementos astronómicos.
As persoas asistentes recibirán ademais unhas gafas especiais para poder observar a eclipse de forma segura. A actividade ten como obxectivo achegar á cidadanía información e ferramentas para poder gozar do fenómeno con total seguridade.
A doutora en Astrofísica Lucía González Cuesta, que será a encargada de impartir a conferencia, realizou a súa tese no Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC). É licenciada en Física pola Universidade de Oviedo e conta cun Máster en Astrofísica pola Universidade da Laguna.
González Cuesta ten unha ampla traxectoria no ámbito da divulgación científica a través do seu proxecto Allande Stars, centrado na difusión da astronomía en contornos rurais, e compaxina a súa actividade investigadora con colaboracións en medios de comunicación e iniciativas de promoción da ciencia. Foi recoñecida con distintos galardóns, entre eles o Premio Mellor Star Up 2023 do Banco Sabadell e Prensa Ibérica e o galardón Muller Rural 2024 da Rede de Desenvolvemento Rural de Asturias (READER), entre outras distincións.
O alcalde de Monforte, José Tomé, anima á veciñanza a participar nesta actividade para coñecer todas as claves dun fenómeno astronómico que poderá observarse de maneira destacada desde o municipio.