Monforte acolle a proxección do documental “O Son da Serra, cando o Courel derramou bágoas de cinsa”

RibeiraSacraXa
O filme, que aborda o gran incendio que afectou á Serra do Courel no verán de 2022, proxectarase esta tarde nos Multicines Hollywood
o-son-da-serra
15 May 2026

O documental “O Son da Serra, cando o Courel derramou bágoas de cinsa” proxectarase este venres, 15 de maio, ás 20:15 horas nos Multicines Hollywood de Monforte, con entrada libre ata completar aforo. A obra aborda o gran incendio que afectou á Serra do Courel no verán de 2022, un dos episodios ambientais máis graves vividos en Galicia nos últimos anos.

O filme céntrase no lume que arrasou arredor de 13.000 hectáreas durante aproximadamente dúas semanas, afectando especialmente aos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Quiroga, e obrigando ao desprazamento de máis dun milleiro de persoas. Aquel incendio foi considerado o maior rexistrado en Galicia ata o sucedido en agosto de 2025 e marcou a chegada no territorio galego dos denominados incendios convectivos de sexta xeración.

A longametraxe, dunha duración superior á hora, recolle testemuños gravados desde o momento no que o incendio aínda non fora extinguido, cando o medo e a incerteza estaban moi presentes, e continuou coas entrevistas ata comezos de 2025. Entre as voces que participan inclúense veciños e veciñas da zona, representantes municipais e persoal do servizo de extinción de incendios da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que tamén achega imaxes do sinistro.

O proxecto é unha produción de Némesis Audiovisual en colaboración co fotógrafo Emilio Romanos Castiñeira, coa dirección de Ana Belén Fernández Fernández e Pau Fierro Cadórniga, e música orixinal de Ale González.
Tras a súa presentación aos protagonistas a finais do ano pasado en Folgoso do Courel, o documental comezou un percorrido por distintos certames de temática ecolóxica e etnográfica.

A programación continuará o sábado 16 de maio, ás 19:00 horas, cun coloquio aberto no Ateneo Casino de Monforte, organizado coa colaboración do Cineclub Ateneo. Neste encontro abordarase o proceso de creación da peza e avanzaranse futuras proxeccións e debates, coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Segundo o equipo responsable, “O Son da Serra” estrutúrase sobre tres piares fundamentais: a documentación audiovisual para deixar constancia dun acontecemento clave na historia ambiental e social do Courel; a sensibilización sobre a importancia da conservación do territorio e do papel da veciñanza no seu coidado; e a divulgación e formación arredor da xestión dos grandes incendios forestais, incluíndo a coordinación entre poboación e servizos de extinción.

O documental preséntase como unha homenaxe ás persoas que viven e traballan na serra, poñendo en valor o seu papel na preservación dun territorio considerado único.

0.13814997673035