Monforte acolle a primeira das festas do Correlingua na provincia co lema “Co galego no corazón facemos revolución”

Monforte de Lemos foi este mércores escenario da primeira das tres festas do Correlingua que se celebrarán na provincia de Lugo, unha iniciativa que este ano anima á mocidade a empregar o galego baixo o lema “Co galego no corazón facemos revolución”.
O encontro contou coa participación da deputada de Cultura, Iria Castro, e reuniu alumnado de distintos centros educativos, que tomaron parte nunha marcha pola lingua polas rúas da localidade e nunha festa final amenizada pola actuación da banda Cuarta Xusta.
Entre os centros participantes estiveron o IES A Pinguela, IES Daviña Rei, IES Río Cabe, IES Val do Asma, CEIP A Gándara e o CEE Infanta Elena de Monforte, xunto co CEIP Doutor López Suárez do Saviñao, o CEIP Virxe da Luz de Portomarín e o IES Cosme López Rodríguez da Rúa.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na organización destas actividades do Correlingua, que buscan promover o uso do galego entre o alumnado a través de propostas colectivas, lúdicas e participativas.
As próximas citas do Correlingua na provincia serán o 20 de maio en Ribadeo e o 27 de maio en Lugo, onde se completará este programa de dinamización lingüística dirixido á mocidade.