Monforte achega maxia e teatro aos escolares a través do programa ‘Ler conta moito’

O Concello de Monforte, a través da Biblioteca Pública Municipal, participa nunha nova edición do programa de animación á lectura “Ler conta moito”, que achega aos escolares da cidade diferentes propostas escénicas relacionadas coa lectura e a igualdade.
A programación está dirixida ao alumnado de 3º e 4º curso de Primaria dos centros educativos de Monforte e inclúe dúas actuacións na Casa da Cultura, ambas ás 12.00 horas e dentro do horario lectivo.
A primeira celebrouse este xoves, 24 de setembro, coa actuación do Mago Paco e o espectáculo “Unha maxia diferente”. A través de historias e xogos de maxia, a proposta aborda as diferenzas entre as persoas como un elemento de unión e reflexión. A sesión, destinada ao alumnado de 3º de Primaria, trata tamén cuestións como a igualdade e a violencia de xénero desde un enfoque didáctico e entretido.
A segunda actividade terá lugar o próximo xoves, 1 de outubro, ás 12.00 horas, coa compañía Tropa de Trapo e o espectáculo “Contos de nenas grandes e pequenas”. A proposta combina narración oral e música en directo a partir de contos e cantos protagonizados por mulleres de diferentes idades, con referencias ao poder do amor e da memoria, á loita contra a violencia machista e á igualdade entre homes e mulleres.
O programa “Ler conta moito” está promovido pola Dirección Xeral de Cultura en colaboración cos Concellos que dispoñen de bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. A iniciativa busca fomentar o hábito lector mediante actividades atractivas que faciliten o achegamento dos máis novos aos espazos bibliotecarios.
“O obxectivo deste programa”, destaca o alcalde, José Tomé Roca, “é dar a coñecer e fomentar a lectura entre os alumnos e alumnas dos diferentes centros de ensino de Monforte”.