Monforte abre o prazo para solicitar as axudas ao transporte do alumnado para o curso 2026/2027

O Concello de Monforte de Lemos abre este mércores, 14 de outubro, o prazo para solicitar as axudas ao transporte destinadas ao alumnado universitario e de ciclos de Formación Profesional e Bacharelato que teña que desprazarse fóra do municipio durante o curso académico 2026/2027. A convocatoria conta cun orzamento total de 25.000 euros e permitirá presentar solicitudes ata o vindeiro 30 de outubro.
As subvencións están dirixidas ao alumnado universitario empadroado en Monforte, así como aos estudantes de ciclos medios e superiores de Formación Profesional e de Bacharelato que residan no municipio e deban cursar os seus estudos fóra del porque non existe esa oferta formativa na localidade ou porque non obtiveron praza nela.
O alcalde, José Tomé Roca, sinala que esta liña de axudas busca facilitar os desprazamentos dos estudantes que cursan formación fóra de Monforte. “Con esta liña de axudas, desde o Equipo de Goberno contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fóra do noso concello, ben sexa no ámbito universitario, ben noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade”, afirma. O rexedor engade que o Concello mantén o seu compromiso coas políticas sociais e recoñece as necesidades dos estudantes que deben desprazarse fóra dos seus fogares e da súa cidade.
As axudas cubrirán os gastos de transporte correspondentes ao período comprendido entre setembro de 2026 e xullo de 2027. Para optar a elas, será necesario estar empadroado en Monforte no momento inmediatamente anterior á presentación da solicitude e acreditar a matrícula no curso 2026/2027. As persoas solicitantes tamén deberán estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como cumprir os requisitos establecidos na normativa xeral de subvencións.
A contía individual situarase entre os 200 e os 600 euros, en función da renda per cápita anual e da situación laboral dos membros da unidade familiar. Quedarán excluídas as solicitudes nas que a renda per cápita familiar supere os 12.000 euros. As axudas serán compatibles con outras subvencións públicas ou privadas, sempre que a suma das achegas non exceda o gasto total en transporte.
As solicitudes e os impresos correspondentes están dispoñibles na páxina web municipal. Poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través dos rexistros e oficinas previstos na Lei 39/2015, ata o 30 de outubro de 2026.
A documentación que se debe achegar inclúe a solicitude cuberta, o DNI do estudante e, no caso dos menores de idade, o da nai, pai ou persoa responsable, así como o libro de familia cando corresponda. Tamén será necesario presentar a matrícula do curso 2026/2027, o certificado de empadroamento colectivo, a declaración da renda de 2025 dos membros da unidade familiar obrigados a presentala ou o certificado negativo correspondente e, de ser o caso, a documentación acreditativa de discapacidade, desemprego ou percepción dunha pensión.
Ademais, deberán achegarse unha declaración xurada de estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, unha declaración doutras axudas recibidas e un certificado dos datos bancarios da persoa beneficiaria.