Monforte abre mañá a inscrición no Programa Activa 2026-2027, con 741 prazas de actividades para maiores e interxeracionais

RibeiraSacraXa
O prazo permanecerá aberto ata o 30 de setembro para acceder a obradoiros gratuítos de envellecemento activo dirixidos a maiores de 55 anos e a propostas interxeracionais abertas desde os 14
Presentación Programa Activa Monforte
15 Sep 2026

O Concello de Monforte de Lemos pon en marcha mañá mércores, 16 de setembro, o período de inscrición do Programa Activa correspondente ao curso 2026-2027, unha iniciativa municipal orientada a promover o envellecemento activo, a autonomía persoal e a participación social das persoas maiores do municipio.

O prazo ordinario esténdese desde ese mesmo mércores ata o 30 de setembro, ambos os días incluídos. As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude mediante o formulario específico, que se poderá entregar no Rexistro de Servizos Sociais, no Rexistro Municipal ou a través da Sede Electrónica do consistorio. Os impresos estarán dispoñibles para descargar na páxina web municipal desde o propio día 16, e ademais habilitarase un punto de información nas oficinas de Servizos Sociais, situadas no Paseo do Malecón.

Nesta edición ofértanse un total de 741 prazas, das que 714 corresponden á convocatoria ordinaria e 27 son adicionais, estas últimas reservadas para persoas usuarias dos servizos sociais municipais segundo a valoración técnica dos seus plans de intervención. Tamén se manteñen prazas reservadas para persoas con discapacidade.

Con carácter xeral, cada persoa poderá inscribirse nunha soa actividade dentro do Centro Cívico-Social, co fin de repartir as prazas de xeito máis equilibrado e permitir que acceda ao programa o maior número posible de veciños e veciñas. Se alguén queda inicialmente en lista de agarda e máis adiante consegue praza noutra actividade durante o período extraordinario, pasará a participar na nova proposta e deixará a lista de agarda anterior. No caso de que as solicitudes superen as prazas dispoñibles, a adxudicación resolverase mediante sorteo público.

Entre as novidades deste curso destaca a incorporación de CuidArte, unha actividade pensada para reforzar o benestar físico, emocional e social das persoas maiores, especialmente de quen tamén asume tarefas de coidado doutras persoas. Esta nova proposta achega 10 prazas adicionais respecto da edición anterior e, sumadas ás 27 prazas extra xa mencionadas, elevan en 37 o total de prazas dispoñibles fronte ao curso pasado.

O programa desenvolverase durante nove meses, entre o 19 de outubro de 2026 e o 11 de xuño de 2027, tanto no Centro Cívico-Social do Paseo do Malecón como nos locais sociais das parroquias.

No Centro Cívico-Social ofértanse 446 prazas repartidas en 27 grupos. Para maiores de 55 anos propóñense actividades como ximnasia de mantemento, taichi, ioga, ximnasia acuática, conservando a memoria, CuidArte, competencias dixitais (con tres niveis: iniciación, intermedio e avanzado) e informática básica. Con carácter interxeracional, aberto desde os 14 anos, ofértanse cerámica, manualidades, costura (en nivel básico e creativo) e bailes, tanto de salón como latinos.

O programa tamén chega ás parroquias, onde as actividades se adaptan segundo a demanda e as solicitudes canalizadas a través de representantes veciñais, pedáneos ou asociacións. Tomando como referencia a edición anterior, estímase unha participación aproximada de 268 prazas no ámbito rural, con propostas como conservando a memoria, manualidades, costura creativa e básica, ximnasia de mantemento e bailes de salón ou latinos, en función das necesidades de cada zona.

Todas as actividades son gratuítas para as persoas participantes, ao estaren financiadas integramente polo Concello. O investimento municipal destinado ao programa increméntase en 5.000 euros respecto do curso anterior, ata alcanzar os 65.000 euros.

O Programa Activa naceu en 2016 como unha proposta impulsada polo actual equipo de goberno tras a súa chegada ao Concello, co obxectivo de consolidar un modelo de envellecemento activo, participativo e inclusivo, no que as políticas sociais combinen a atención ás necesidades das persoas maiores coa prevención, o fomento da autonomía e a creación de redes de apoio fronte á soidade non desexada e o illamento social.

0.099241971969604