Monforte abre este luns o prazo de preinscrición do Programa Deportivo de Verán 2026

O Concello de Monforte pon en marcha desde este luns o Programa Deportivo de Verán 2026, unha iniciativa destinada a ofrecer actividades lúdicas e educativas para a infancia e a mocidade, ao tempo que facilita a conciliación das familias durante as vacacións estivais.
O alcalde, José Tomé Roca, anunciou que o prazo de preinscrición nas distintas actividades permanecerá aberto desde este luns, 11 de maio, ata o 20 de maio. Xunto a esta apertura, o rexedor tamén informou da posta en marcha da licitación do servizo dos campamentos deportivos de verán para os anos 2026 e 2027, cun orzamento estimado de 169.879,16 euros e unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga.
O contrato ten como obxecto a organización dos campamentos deportivos de verán para nenos e nenas de entre 5 e 13 anos, que se desenvolverán durante as vacacións estivais. O prazo para a presentación de ofertas tamén finaliza o 20 de maio.
O alcalde destacou que se trata dunha actividade xa consolidada na programación municipal e moi demandada polas familias, xa que contribúe á conciliación da vida persoal e laboral. Segundo sinalou, o programa busca tamén fomentar a integración social e a práctica deportiva, promovendo hábitos de vida saudables. Neste sentido, explicou que os participantes poderán realizar actividades deportivas, excursións e obradoiros.
En total, ofértanse 360 prazas, distribuídas en tres quendas de 120 participantes cada unha. As actividades deberán ter un carácter lúdico-educativo e favorecer aspectos como a autonomía persoal, a creatividade, a convivencia e o respecto polo medio ambiente, ademais da formación en hábitos saudables.
O programa desenvolverase en diferentes instalacións municipais, como o Complexo Deportivo da Pinguela, o pavillón do IES A Pinguela, as pistas de atletismo, o campo de fútbol Luís Bodegas e diversos espazos públicos.
Ademais dos campamentos deportivos, a programación de verán inclúe tamén o XX Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo, cursos de tenis e cursos de natación na piscina municipal, completando así unha ampla oferta de actividades para os meses de verán.