Monforte abre as inscricións das Escolas Deportivas Municipais e dos cursos de natación con 574 prazas dispoñibles

O Concello de Monforte de Lemos deu a coñecer o programa de actividades do novo curso das Escolas Deportivas Municipais, que se desenvolverá entre os meses de outubro de 2026 e maio de 2027. O alcalde da localidade, José Tomé Roca, foi o encargado de presentar esta nova edición, que combina a oferta das escolas deportivas cos cursos de natación da Piscina Climatizada Municipal, sumando entre ambos os programas un total de 574 prazas.
Escolas Deportivas Municipais: 283 prazas en oito actividades
O prazo de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais comezará o luns 7 de setembro ás 9.00 horas e permanecerá aberto ata o 18 de setembro ás 23.59 horas. Nesta edición ofértanse oito actividades distintas, cun total de 283 prazas, divididas entre modalidades infantís, dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos, e modalidades para persoas adultas, a partir dos 16 anos.
Entre as actividades pensadas para o público infantil atópanse o golf, con 18 prazas; o pádel, con 30; o kung fu, con 15; e a zumba infantil, con 20 prazas. Para as persoas adultas, a oferta inclúe ximnasia de mantemento, con 80 prazas; tai chi, con 40; ioga, con 60; e zumba, con 20 prazas.
Cada persoa interesada poderá solicitar unicamente unha actividade, xa sexa dentro das modalidades infantís ou das de persoas adultas. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Municipal do Concello, ben de xeito presencial, ben a través da sede electrónica, achegando o modelo de solicitude normalizado SER-DE-125, unha fotocopia do DNI da persoa solicitante e, no caso de menores de idade, unha fotocopia do DNI do pai, nai ou titor/a legal que figure como tal na solicitude. Cando o modelo de solicitude non estea asinado pola entidade bancaria no espazo correspondente, será necesario achegar tamén un certificado de titularidade de conta bancaria.
Para poder participar é preciso cumprir determinados requisitos: ter entre 6 e 15 anos para as escolas infantís ou 16 anos ou máis para as de persoas adultas, figurar empadroado ou empadroada no Concello de Monforte, aceptar e cumprir as condicións fixadas para a actividade, e non ter impedimentos para a práctica deportiva, asumindo os riscos que esta poida conlevar.
Unha vez finalizado o prazo, o 23 de setembro farase pública na páxina web do Concello a lista de persoas admitidas, que se elaborará por rigorosa orde de presentación das solicitudes. Se tras o peche do prazo quedasen prazas vacantes, as persoas xa inscritas nalgunha actividade poderán apuntarse tamén a aquelas modalidades nas que sigan quedando prazas libres. Para que cada actividade poida finalmente prestarse, será necesario que se cubra, como mínimo, o 25 % das prazas ofertadas.
En canto ao custo, cada modalidade e inscrito ou inscrita deberá abonar 92,70 euros por todo o curso, aínda que as persoas pertencentes a familia numerosa contarán cunha bonificación do 50 % sobre esa cantidade. As actividades comezarán en outubro de 2026 e prolongaranse ata finais de maio de 2027, completando un total de oito meses lectivos.
Piscina Climatizada Municipal: 264 prazas en 26 grupos
A Piscina Climatizada Municipal, pola súa banda, oferta para este curso 2026-2027 un total de 264 prazas distribuídas en 26 grupos de natación, organizados en tres trimestres que arrincarán a comezos de outubro. A programación inclúe grupos para bebés, ata os 3 anos (coas categorías Bebés 0, ata os 18 meses, e Bebés I, ata os 36 meses); para infantil, de 3 a 6 anos, con tres niveis (0, I e II); para nenos e nenas, de 6 a 13 anos, tamén con tres niveis (0, I e II); e para persoas adultas, a partir dos 13 anos, con grupos de iniciación e de perfeccionamento. Os grupos impártense en horario de tarde entre luns e xoves, repartidos en sesións de luns e mércores ou de martes e xoves, agás a ximnasia acuática, que se ofrece en horario de mañá os mesmos días. Cada curso ten unha carga semanal de dúas clases de 45 minutos.
A matrícula para os cursos de natación poderá formalizarse a partir do 14 de setembro para as persoas socias da piscina, e a partir do 17 de setembro para as non socias.
Antes de matricularse, recoméndase ás persoas interesadas realizar unha proba de nivel, que se levará a cabo os días 1, 2, 3, 4, 7 e 8 de setembro, en horario de 9.00 a 11.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas, e a partir do 9 de setembro en horario de 16.00 a 18.00 horas. Esta proba está dirixida exclusivamente ás categorías de infantil e de nenos e nenas; o alumnado que utilice manguitos non necesita realizala, xa que se inscribe directamente no nivel 0 do seu grupo de idade.
En canto ás tarifas, os cursos trimestrais teñen un custo de 46 euros para persoas abonadas e 93 euros para non abonadas nas categorías de bebés, adultos de iniciación e adultos de perfeccionamento; de 36 euros (abonados) e 72 euros (non abonados) en infantil; e de 34 euros (abonados) e 68 euros (non abonados) en nenos e nenas. A ximnasia acuática, de tarifa mensual, custa 16 euros para persoas abonadas e 33 euros para non abonadas.
Para ampliar información sobre os cursos da piscina municipal, as persoas interesadas poden dirixirse directamente ao centro ou realizar as súas consultas a través do teléfono 982 202 965 ou do correo electrónico apinguela@ideasdebolina.com.