Medio Rural subliña que Galicia é a única comunidade con indicación protexida para a castaña

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
As celebracións tradicionais de outono, como o magosto celebrado en Chandrexa de Queixa, serven de escaparate para dar a coñecer este distintivo de calidade, segundo destacou o sector agroalimentario
magosto-castañas-recurso
8 Nov 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, afirmou que Galicia é a única comunidade autónoma de España que conta cunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) dedicada especificamente á castaña, un recoñecemento que, segundo sinalou, sitúa a comunidade entre os territorios europeos que conseguiron protexer a singularidade das súas producións tradicionais deste froito.

Estas declaracións tiveron lugar durante a súa participación no magosto celebrado en Chandrexa de Queixa, un acto organizado coa colaboración da Consellería do Medio Rural e da propia IXP Castaña de Galicia.

Segundo explicou o responsable, este selo distintivo certifica a vinculación do produto co seu lugar de orixe e achega garantías aos consumidores sobre a súa procedencia e calidade. Neste sentido, incidiu na importancia de que os consumidores identifiquen e escollan a castaña certificada por esta indicación xeográfica, unha elección que, ao seu xuízo, contribúe a poñer en valor a produción, apoiar os produtores do sector e fortalecer a economía do medio rural galego.

Alemparte tamén sinalou que celebracións populares como os magostos representan unha oportunidade para divulgar e promocionar os produtos galegos de calidade diferenciada. Segundo indicou, este labor de difusión enmárcase dentro da estratexia ‘Aquí Sabemos’, coa que a Xunta busca reforzar o coñecemento dos alimentos amparados por denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas, agricultura ecolóxica e artesanía alimentaria.

0.15252590179443