Medio Rural inviste máis de 370.000 euros en tres novos pasteiros en Maceda, Montederramo e Xunqueira de Espadanedo

A Consellería do Medio Rural destinou máis de 370.000 euros ao desenvolvemento de tres pasteiros situados nos concellos de Maceda, Montederramo e Xunqueira de Espadanedo, cunha superficie total superior ás 30 hectáreas.
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros, visitou este martes as actuacións realizadas nos tres espazos, que forman parte do Plan de Pastos de Galicia.
No caso de Maceda, o pasteiro localízase no monte veciñal en man común de Baldrei, Rodicio e Somoza e ocupa unha extensión de 10,5 hectáreas. O investimento superou os 140.000 euros e incluíu traballos de roza mecanizada, gradeo, encalado, abonado e sementeira.
As actuacións tamén contemplaron a instalación dun peche gandeiro de 1.880 metros no perímetro das parcelas, tres portas, unha manga de manexo e dous bebedoiros para o gando.
En Montederramo, o novo espazo sitúase no monte veciñal en man común de Retorta e abrangue unha superficie de 11,4 hectáreas. Neste caso o investimento situouse preto dos 140.000 euros.
Entre os traballos realizados destacan a construción dun peche gandeiro cunha lonxitude de 2.092 metros, a colocación de tres portas, dous pasos canadenses e unha manga de manexo.
Pola súa banda, o pasteiro situado no monte veciñal en man común de Carbuíz, A Celareira, Espadanedo, O Mato, Obellariza e San Pedro, no concello de Xunqueira de Espadanedo, conta cunha superficie de 8,14 hectáreas e recibiu un investimento superior aos 90.000 euros.
Neste espazo instalouse un peche gandeiro de 1.448 metros, dúas portas e un bebedoiro. Durante a visita, José Balseiros destacou a importancia deste tipo de actuacións para o desenvolvemento do rural galego, subliñando a súa contribución á conservación da biodiversidade e dos ecosistemas agroforestais, ao apoio da gandaría extensiva e á prevención dos incendios forestais.
Os tres proxectos están incluídos no Plan de Pastos de Galicia, unha iniciativa que desde o ano 2020 permitiu crear 106 pasteiros en toda a comunidade, mobilizando preto de 2.500 hectáreas e cun investimento global próximo aos 15 millóns de euros.