Medio millón de euros para a reforma da Seguridade Social de Monforte de Lemos
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou na xornada de onte o inminente comezo das obras de reforma integral do centro da Seguridade Social de Monforte de Lemos.
Isabel Rodríguez informou de que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións destinará un investimento de máis de medio millón de euros a estas obras de remodelación e acondicionamento do seu centro de atención ao público de Monforte
O Goberno investirá 514.110 euros nesta actuación que foi adxudicada á empresa Proyecon Galicia S.A, ademais dos 31.000 euros destinados á redacción do proxecto que realizou a UTE lucense LUDICA.
A subdelegada avanzou que os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses. Tamén anunciou que para acometer as obras, desde esta semana a Seguridade Social presta servizo temporalmente en instalacións municipais. Isabel Rodríguez agradeceu a colaboración prestada polo Concello de Monforte, que facilitou á Seguridade Social a continuidade de un servizo de información no Edificio Multiusos, situado na avenida Emilia Casas Baamonde.
Rodríguez destacou a colaboración entre as dúas administracións, froito da cal se puido axilizar este proxecto de remodelación integral das dependencias da Seguridade Social. A subdelegada e o xefe provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, asumiron o compromiso de acometer esta obra atendendo unha demanda do alcalde, José Tomé.
A execución do proxecto suporá a actualización do centro de atención á cidadanía, situado na rúa San Pedro número 4, que contaba con unhas instalacións moi deterioradas, con serios problemas de humidades e climatización motivados polo mal estado do seu illamento, e que nunca fora reformado desde a súa apertura hai 31 anos..
A Seguridade Social dá servizo nas súas dependencias de Monforte de Lemos a unha poboación potencial de máis de 55.000 persoas das comarcas de Lemos,Chantada e Quiroga.