Medio cento de rapaces e rapazas participaron esta semana no XVIII Campus de Fútbol de Quiroga

Quiroga dedicou esta semana ao fútbol coa celebración da XVIII edición do Campus de Fútbol, unha actividade que comezou o luns e que se desenvolveu ata este venres no campo de fútbol San Martiño e nas instalacións das piscinas municipais.
Ao redor de 50 rapaces e rapazas, con idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos, participaron nesta proposta deportiva, que se celebrou cada mañá entre as 10.00 e as 13.30 horas.
O campus colleu o relevo do VII Campus de Voleibol Carolina Camino, celebrado durante a pasada semana e que volveu levar o nome da xogadora quiroguesa.
Nesta edición participaron unha vintena de nenos e nenas de entre 6 e 16 anos, que estiveron adestrando baixo a dirección de Carolina Camino, xogadora da Selección Española, e Aurelio Rodríguez, xogador da Superliga Masculina.
O campus de voleibol concluíu o pasado venres cunha merenda para todos os participantes e coa entrega dunha fotografía de grupo, ademais dunha imaxe personalizada xunto aos dous adestradores, como recordo dunha semana de adestramentos.