Medio cento de participantes estrean con éxito a actividade “Aventura en Familia” do programa Descubrir Quiroga

A actividade “Aventura en Familia”, unha das novidades da edición deste ano do programa de dinamización turística Descubrir Quiroga, reuniu este fin de semana a arredor de medio cento de nenos, nenas e as súas familias nunha xornada dedicada ao lecer, a aprendizaxe e a convivencia. A iniciativa está organizada pola Concellaría de Turismo de Quiroga en colaboración coa Deputación de Lugo.
A programación comezou ás 11.00 horas no Museo Xeolóxico de Quiroga, onde os participantes foron recibidos por Ramón Vila, director dos dous museos municipais. Durante a visita guiada, os asistentes coñeceron o patrimonio xeolóxico do municipio a través dun percorrido polas diferentes salas das instalacións, acompañado de explicacións e dun formato participativo no que os máis pequenos puideron formular preguntas.
Rematada a visita, o grupo trasladouse ao paseo fluvial do río Quiroga para participar en distintas actividades ao aire libre. Os monitores organizaron os participantes en grupos segundo a idade para desenvolver xincanas, xogos e diferentes probas orientadas a fomentar o traballo en equipo, o contacto coa natureza e o lecer en familia.
Entre as actividades propostas, unha das que espertou maior interese foi a procura de pebidas de ouro nas augas do río, unha experiencia na que os máis pequenos puideron poñerse na pel de arqueólogos.
A elevada participación nesta primeira edición de “Aventura en Familia” confirma, segundo o Concello, o interese que esperta este tipo de iniciativas entre veciñanza e visitantes, ao combinar patrimonio, natureza e actividades de ocio. A xornada concluíu na área recreativa do paseo fluvial cunha merenda para todos os asistentes.
O concelleiro de Turismo, Vicente Parra, trasladou as súas desculpas por non poder asistir á actividade e mostrou a súa satisfacción pola acollida desta nova proposta incluída no programa Descubrir Quiroga.