María José Gómez aborda no Círculo Saviñao os retos do rural entre a tradición e a innovación

RibeiraSacraXa
A conselleira participou nunha conferencia acompañada do presidente da entidade organizadora, Enrique Sampil, e do alcalde do Saviñao, Carlos Armesto
maria-jose-gomez-circulo-saviñao
26 May 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou o venres nunha conferencia organizada polo Círculo Saviñao baixo o título “Entre a tradición e a innovación. Retos de mercado”, na que analizou os principais desafíos aos que se enfronta o medio rural galego.

O acto contou coa presentación do presidente da entidade organizadora, Enrique Sampil, e do alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, que acompañaron a conselleira nesta xornada centrada no futuro do sector primario.

Durante a súa intervención, Gómez sinalou varios eixos fundamentais para garantir a viabilidade do rural, entre eles a necesidade de manter a rendibilidade económica das actividades, mellorar a calidade da produción, avanzar na modernización sen perder identidade, facilitar a remuda xeracional, reforzar a competitividade e asegurar o coidado do territorio.

A conselleira puxo en valor a produción agroalimentaria galega e, en particular, a da Ribeira Sacra, destacando o papel do viño como “unha das grandes bases económicas” da zona. Subliñou ademais a importancia dunha paisaxe que cualificou como “única no mundo”, no contexto da candidatura a Patrimonio da Humanidade.

Gómez tamén se referiu ao peso de Galicia nos sectores leiteiro e cárnico, así como aos avances en transformación, ás razas autóctonas e ao impulso doutros ámbitos produtivos como o mel, o aceite ou o aproveitamento do castiñeiro. Neste sentido, destacou tamén as políticas de mobilización de terras a través do Banco de Terras e dos procesos de concentración parcelaria, co obxectivo de mellorar a eficiencia das explotacións.

No ámbito forestal, a conselleira defendeu a aposta pola xestión sostible do monte e pola silvicultura produtiva como elementos clave para o desenvolvemento rural.

Durante a conferencia tamén abordou retos internacionais, como os posibles efectos de acordos comerciais como Mercosur ou a negociación da futura Política Agraria Común (PAC) a partir de 2027, na que Galicia demanda unha dotación suficiente e unha estrutura que garanta o apoio ao desenvolvemento rural.

En relación coa remuda xeracional, lembrou que nos últimos anos máis de 5.000 mozos se incorporaron ao sector agrario con apoio da Xunta, e puxo en valor o papel da formación, destacando a alta demanda dos centros de formación e experimentación agraria e iniciativas como a Escola de Pastores.

Así mesmo, destacou a importancia da dotación de servizos no rural como factor clave para fixar poboación, mencionando o impacto do programa Leader, que mobilizou arredor de mil millóns de euros en tres décadas e contribuíu a impulsar miles de proxectos e empregos.

O acto rematou cun coloquio no que os asistentes trasladaron as súas preguntas e inquedanzas sobre o futuro do sector.

0.12626814842224