Manzaneda suma un novo espazo para achegar a vida animal e o rural a familias e colexios

RibeiraSacraXa
A estación de montaña incorpora unha instalación dedicada ao contacto con animais de granxa, pensada para escolares, familias e grupos que buscan unha experiencia distinta en plena natureza
Granja Manzaneda
8 Sep 2026

A montaña de Manzaneda amplía a súa oferta de actividades coa posta en marcha dunha granxa escola, un novo espazo destinado a poñer en contacto a pequenos e maiores co mundo animal e coa vida no ámbito rural. A iniciativa súmase ás propostas xa existentes na estación e busca ofrecer unha alternativa de lecer que non dependa unicamente da tempada de neve.

O proxecto leva meses xestándose, e dende a organización quixeron amosar como foi evolucionando a instalación dende os seus primeiros pasos ata o resultado actual, subliñando que se trata dun espazo que seguirá medrando con novas experiencias no futuro.

O plantexamento da granxa escola é permitir que as persoas visitantes coñezan de preto a distintos animais, aprendan sobre as súas características e coidados, e poidan interactuar con eles nun contorno diferente ao habitual. O espazo está pensado para achegar o mundo animal e o entorno rural a pequenos e maiores en plena montaña. A proposta está dirixida especialmente a familias, centros educativos, campamentos, asociacións e grupos, aínda que tamén queda aberta a calquera persoa que visite a estación.

De momento, a granxa conta xa cunha pequena comunidade de animais coa que se desenvolverán as actividades deste novo espazo ligado ao mundo agrícola e gandeiro. Entre os seus primeiros habitantes atópanse cinco galiñas, dous pavos, tres pavos reais e tres cabras ananas, aos que proximamente se sumará un burro e, máis adiante, outro exemplar. Moitos destes animais xa teñen nome propio, entre eles Xesta, Arando, Festuca, Petunia, Epi, Blas e Lucas.

En canto ás aves, a instalación conta con distintas variedades de galiñas, entre as que destacan as chamativas combatentes inglesas, mentres que os patos dispoñen do seu propio estanque dentro do recinto.

Con esta nova instalación, Manzaneda diversifica a súa oferta máis alá da neve, incorporando unha actividade ligada á natureza, o lecer en familia e a educación ambiental. A intención dos seus impulsores é seguir dando a coñecer, nos vindeiros meses, o día a día da granxa, os seus protagonistas e as historias que se xeren ao seu redor, animando a quen se achegue á montaña a descubrir de primeira man este novo recuncho.

0.1655158996582