Manzaneda e O Bolo organizan unha viaxe a Sevilla do 20 ao 23 de novembro

RibeiraSacraXa
A excursión inclúe visitas guiadas, entradas á Catedral e á Xiralda e un acto institucional na Basílica da Macarena
sevilla-recurso
11 Oct 2026

Os concellos de Manzaneda e O Bolo preparan unha viaxe a Sevilla de catro días, do 20 ao 23 de novembro, cun programa que combina visitas culturais, percorridos por diferentes zonas da cidade e un acto institucional. O prezo é de 298 euros por persoa.

A saída terá lugar o venres 20 de novembro desde Manzaneda e O Bolo, cunha parada en Mérida para dispoñer de tempo libre e visitar a cidade. A chegada a Sevilla está prevista para a tarde ou a noite. O sábado 21, a xornada comezará cunha visita guiada por Sevilla. Pola tarde, as persoas participantes asistirán a unha intervención musical e a un acto institucional na Basílica de Santa María da Esperanza da Macarena. O domingo 22 estará dedicado a coñecer dous dos principais referentes patrimoniais da cidade, coa visita pola mañá á Catedral de Sevilla e á Xiralda. Pola tarde, o programa continuará cun percorrido polo barrio de Triana. O regreso será o luns 23 de novembro, cunha parada en Salamanca na que tamén haberá tempo libre para visitar a cidade antes de continuar a viaxe.

O importe inclúe os desprazamentos, o réxime alimenticio con auga e viño, o seguro de viaxe, un guía oficial en Sevilla e as entradas á Catedral e á Xiralda. A excursión está prevista para un mínimo de 40 persoas. As persoas interesadas en obter máis información ou participar na viaxe poden chamar ao teléfono 679 104 515.

0.15940403938293