'Máis Saaabor!' levará teatro, música, maxia e humor aos Seráns Culturais da Teixeira

O Concello da Teixeira continúa coa programación dos Seráns Culturais coa representación de 'Máis Saaabor!', un espectáculo pensado para todos os públicos que mestura teatro, música, maxia, humor e participación do público nunha proposta chea de ritmo e diversión.
A actuación terá lugar este venres, 31 de xullo, ás 19.30 horas na Praza Cardenal Quiroga. O espectáculo, dirixido por Avelino González e interpretado por Félix Rodríguez e Fran Rei, propón unha divertida viaxe polos sabores do mundo a través da historia de dous peculiares chefs que converten a cociña nun escenario repleto de sorpresas.
A montaxe combina distintas disciplinas escénicas co obxectivo de implicar ao público e crear unha experiencia participativa na que o humor e o enxeño son os principais ingredientes.
Desde a organización destacan que se trata dunha proposta especialmente pensada para gozar en familia e animan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse á Praza Cardenal Quiroga para compartir unha tarde de cultura e entretemento ao aire libre.