Máis dun milleiro de persoas seguiron en Monforte a final do Mundial de Fútbol na pantalla xigante instalada na Praza de España

RibeiraSacraXa
O alcalde, José Tomé, destaca a resposta da veciñanza e celebra o triunfo da Selección Española, que se proclamou campioa do mundo tras vencer a Arxentina
mundial-monforte
20 Jul 2026

A Praza de España de Monforte de Lemos converteuse este domingo no principal punto de encontro para seguir a final da Copa Mundial de Fútbol, na que España se proclamou campioa do mundo tras derrotar a Arxentina. Máis dun milleiro de persoas reuníronse diante da pantalla xigante instalada polo Concello para vivir de forma colectiva o encontro.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu á cita acompañado por membros do equipo de Goberno e compartiu coa veciñanza a celebración do título conquistado pola Selección Española. A maior parte das persoas asistentes eran mozos e mozas, que encheron a céntrica praza desde antes do inicio do partido.

Durante o encontro viviuse un ambiente festivo que se prolongou ata o remate da final, coa celebración do triunfo da selección convertendo o centro da cidade nun espazo de celebración colectiva.

Para facilitar o seguimento do partido, o Concello instalou unha pantalla de seis metros de ancho por tres de alto, cun total de 18 metros cadrados e 270 polgadas, situada na parte superior das escaleiras, diante do Cruceiro, para garantir a visibilidade aos asistentes.

José Tomé destacou que “a nosa intención era que os afeccionados puideran desfrutar e compartir este gran acontecemento e está claro que o conseguimos. Monforte volcouse coa nosa Selección, o seguimento na Praza de España foi masivo e a xente estaba moi animada”.

O rexedor sinalou tamén que “queriamos que a xente puidera compartir un momento tan especial con máis afeccionados e pensamos que instalar unha pantalla xigante era a mellor maneira de ofrecer un espazo de encontro para toda a veciñanza. A resposta masiva demostrou que foi unha moi boa decisión”.

Na mesma liña, explicou que “este tipo de competicións son das que se desfrutan con familiares e amigos e a instalación dunha pantalla xigante deunos a posibilidade de que todos os veciños que se achegaron á Praza de España puideran ver xuntos esta final histórica”.

José Tomé puxo tamén en valor o papel do deporte como elemento de unión social e afirmou que “o deporte ten unha enorme capacidade para unir ás persoas, e onte puidemos comprobalo unha vez máis. Vimos familias enteiras, grupos de amigos, nenos, mozos e maiores animando xuntos, compartindo emocións e celebrando un éxito deportivo que pasará á historia e que, sen dúbida, todos recordaremos”.

O alcalde aproveitou ademais para trasladar o seu recoñecemento aos integrantes da Selección Española e ao seu corpo técnico. “Fixeron un campionato extraordinario, demostrando talento, compromiso e espírito de equipo. Son un exemplo para a mocidade e un orgullo para todo o país. Quero trasladarlles os parabéns en nome de todos os monfortinos e monfortinas”, concluíu.

0.13369297981262