Máis de vinte afectados por un brote de sarna na residencia DomusVi de Monforte

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A CIG denunciara este mércores a existencia do brote, que segundo o sindicato se prolonga desde hai máis de dous meses, así como a falta de persoal no centro
residencia-monforte-domus-VI-rua-morin
27 Aug 2026

Sanidade confirmou este xoves a existencia dun brote de sarna na residencia de maiores DomusVi de Monforte de Lemos que afecta a máis de vinte persoas, despois da denuncia feita pública este mércores pola CIG-Unión Local de Monforte.

O sindicato denunciara a situación que se estaría a producir no centro e advertira de que non se estaría cumprindo o ratio de persoal necesario para garantir unha atención adecuada ás persoas residentes. Segundo a organización sindical, a falta de efectivos estaría provocando unha importante sobrecarga de traballo para a plantilla, con consecuencias tanto nas condicións laborais como na calidade e seguridade da atención ás persoas usuarias.

A CIG alertara ademais de que o brote de sarna se iniciara había máis de dous meses e que, segundo os datos dos que dispoñía, afectara polo menos cinco traballadoras. O sindicato non descartaba que o número de persoas afectadas puidese ser superior.

A organización sindical tamén expresara a súa preocupación por descoñecer se algunha das persoas usuarias da residencia puidera resultar afectada ou estar exposta ao contaxio, así como pola situación actual destas persoas. A confirmación de Sanidade eleva agora a máis de vinte o número de persoas afectadas polo brote.

Segundo a información facilitada pola CIG, non se tería activado de maneira efectiva o “Protocolo de actuación ante a sarna humana en institucións con coidadores”, nin se terían adoptado todas as medidas preventivas e de control necesarias para evitar novos contaxios.

Para a organización sindical, a situación resulta especialmente preocupante nunha residencia de maiores polas características das persoas residentes e pola necesidade de aplicar de maneira rigorosa os protocolos establecidos para a prevención, o control e o tratamento da sarna en institucións con coidadores.

A CIG reclama á dirección de DomusVi que adopte de inmediato as medidas necesarias para garantir unha dotación suficiente de persoal e o cumprimento dos ratios correspondentes, evitando que a falta de efectivos se traduza nunha sobrecarga permanente para as traballadoras e traballadores.

Do mesmo xeito, o sindicato esixe información sobre a situación actual do brote, as medidas adoptadas desde a súa detección e as indicacións recibidas por parte das autoridades sanitarias. Tamén reclama que se active e aplique de maneira efectiva o “Protocolo de actuación ante a sarna humana en institucións con coidadores”, no caso de que aínda non se fixera.

A CIG considera que a saúde e a seguridade das persoas residentes e do persoal non poden quedar en segundo plano e reclama á empresa unha actuación inmediata para garantir a protección das persoas usuarias e das traballadoras e traballadores do centro.

0.17728018760681