Máis de mil persoas inscritas na XVI Carreira Popular de Monforte, que se celebrará o 26 de abril

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou que a XVI Carreira Popular do Concello xa superou os mil participantes cando aínda permanece aberto o prazo de inscrición, que remata o vindeiro martes 21 de abril. A día 18, o número de persoas anotadas ascende a 1.081, unha cifra que confirma o éxito e a consolidación desta cita deportiva no calendario local e autonómico.
O rexedor animou á veciñanza e aos afeccionados ao atletismo a sumarse a esta proba, destacando que se trata dun evento “que encherá de corredores e corredoras as rúas máis céntricas da cidade” e que “xa é unha tradición en Monforte e unha referencia para participantes doutras localidades”. A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través da páxina web habilitada pola organización.
A proba, organizada polo Concello a través da Concellería de Deportes, contará cun percorrido absoluto de 10 quilómetros, ademais de diferentes carreiras adaptadas ás categorías menores. Neste sentido, establécense probas de 80, 700, 1.300 e 2.000 metros, segundo a idade dos participantes.
En canto á distribución por categorías, os datos actuais reflicten unha ampla participación en todas as idades, con especial presenza nas categorías base. A carreira absoluta, para participantes nacidos no ano 2010 e anteriores, suma 389 inscritos, mentres que nas categorías inferiores destacan os 217 prebenxamíns e os 162 benxamíns.
O percorrido da carreira principal desenvolverase integramente por un circuíto urbano que atravesará as principais rúas da cidade, cun trazado de cinco quilómetros ao que os atletas deberán dar dúas voltas. A saída e meta estarán situadas na Praza da Compañía, nas inmediacións dos Escolapios, punto neurálxico tamén das probas infantís.
A organización establece premios para os mellores clasificados en cada categoría, con trofeos para os tres primeiros, así como recompensas económicas para os tres primeiros postos da clasificación xeral absoluta, que ascenden a 300, 200 e 100 euros respectivamente tanto en categoría masculina como feminina. Ademais, haberá premios especiais para os mellores atletas locais e para os equipos máis destacados, que deberán ser mixtos.
Todos os participantes recibirán ao finalizar a carreira avituallamento sólido e líquido, así como un agasallo conmemorativo. No caso da categoría mini, de carácter non competitivo, todos os nenos e nenas que crucen a meta obterán medalla e unha bolsa de lambetadas.
A entrega de dorsais realizarase de forma anticipada na Oficina Municipal de Deportes os días 24 e 25 de abril, con opción tamén de recollida en distintos puntos habilitados nas catro provincias galegas para facilitar a participación.