Máis de cen pilotos daranse cita esta fin de semana na I Subida Ribeira Sacra de Chantada

RibeiraSacraXa
A histórica Subida a Chantada, con máis de medio século de traxectoria, inicia unha nova etapa baixo a organización de Chantada RS Motorsport e a Escudería Valdeorras
subida-a-ribeira-sacra-de-chantada
9 Jul 2026

A I Subida Ribeira Sacra de Chantada celebrarase do 10 ao 12 de xullo cun total de 102 pilotos inscritos e importantes novidades en materia de seguridade, mobilidade e sustentabilidade. A histórica carreira, con máis de medio século de traxectoria, inicia unha nova etapa baixo a organización de Chantada RS Motorsport e a Escudería Valdeorras, sendo ademais puntuable para o Campionato de España de Montaña AUTOHEBDO.

A presentación oficial tivo lugar este mércores na adega Castrofiz, situada na Ribeira Sacra, coa participación dos representantes da organización, Miguel Jacobo Vázquez e José Manuel Torres; do anfitrión Héctor Ferreiro; así como de representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo e do Concello de Chantada, encabezados polo alcalde Manuel Lorenzo Varela e a concelleira de Deportes, Belén Vázquez Caseiro.

A competición manterá o percorrido tradicional de 4,3 quilómetros pola estrada LU-C-533, entre a ponte vella e o tramo da estrada de Chantada a Monforte de Lemos.

Con motivo da celebración da proba estableceranse cortes de tráfico na LU-C-533, con desvío alternativo pola estrada CP-1811 a través do encoro de Belesar. O sábado 11 de xullo a circulación permanecerá interrompida desde as 10.00 horas ata a finalización dos adestramentos, mentres que o domingo os cortes prolongaranse aproximadamente entre as 7.30 e as 15.00 horas.

Entre as principais novidades desta edición destaca o traslado do parque de traballo ao Mercado Gandeiro, unha medida que busca reducir as afeccións ao tráfico no casco urbano. Segundo explicou a organización, este cambio permitirá realizar unicamente cortes puntuais durante a saída e chegada dos vehículos, coa colaboración da Policía Local.

O parque pechado continuará situado na rúa Xoán XXIII, onde tamén se celebrará a entrega de premios nun palco instalado polo Concello. Ademais, a cerimonia de saída do venres, prevista para as 21.00 horas, ampliará o seu percorrido para facilitar a mobilidade do público e evitar aglomeracións.

A organización tamén reforzou o dispositivo de seguridade coa utilización de drons para supervisar todo o percorrido e transmitir información en tempo real á dirección da carreira. Ademais, acondicionáronse e sinalizáronse novas zonas para o público e realizáronse actuacións en varios puntos considerados de maior risco.

No ámbito ambiental, incrementarase o número de contedores para a recollida selectiva de residuos, instalarase unha estación móbil de reciclaxe e habilitaranse puntos específicos para a xestión de refugallos ao longo do trazado.

Desde o Concello de Chantada destacaron a importancia de manter unha proba que forma parte da historia deportiva do municipio e agradeceron o traballo da nova organización para garantir a continuidade dun dos eventos automobilísticos de referencia do panorama nacional.

0.11791014671326