Máis de 600 persoas participaron na III Festa Interxeracional de Chantada

Máis de 600 persoas déronse cita este sábado no Mercado Gandeiro de Chantada para participar na III Festa Interxeracional organizada polo Concello, unha xornada de convivencia que reúne avoas e avós, netas e netos, nais e pais do municipio, das aldeas e tamén familiares que regresan á vila para sumarse á celebración coa que se dá a benvida ao verán.
Nesta terceira edición, a participación superou as cifras do ano anterior e a xornada contou coa presenza do alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela; a concelleira de Servizos Sociais, María Cándida Carnero, e outros membros do equipo de goberno.
O programa incluíu unha misa solemne oficiada por José Mario Vázquez Carballo, vicario da Diocese de Lugo, xunto co sacerdote da parroquia de Santa Mariña de Chantada, Manuel Areán Fernández. Tras o acto relixioso, os asistentes compartiron uns petiscos previos ao xantar popular, que deu paso a unha tarde de convivencia que pechou coa actuación da Orquestra Sintonía.
Durante a celebración entregáronse agasallos a todas as persoas asistentes. As mulleres recibiron plantas preparadas pola concellaría de Parques e Xardíns, mentres que os homes foron agasallados cun pucho co logo “Chantada, corazón de Galicia”, iniciativa do GDR Miño Ulla. No caso da cativada, entregáronse chuches e os 40 nenos e nenas participantes contaron con colchoneta inchable e atención dun monitor.
A organización explica que o evento se desenvolveu no Mercado Gandeiro por necesidades de espazo, co obxectivo de habilitar zonas diferenciadas para a instalación da colchoneta infantil, a cociña do catering, a zona de aperitivos e o espazo de xantar.
Durante a xornada tamén se realizaron sorteos de agasallos cedidos por empresas locais colaboradoras, entre elas Distribucións Calambuco, Os Pendellos, Adegas e Viñedos Vía Romana, Merca Mas Chantada, Floristería Otilia, Xoiería-Reloxaría Ángel, Electrodomésticos Perlada, Albarduxe, Adegas e Viñedos Lareu, Gadis, Xanela, Adegas Condado de Sequeiras, Vinosacra.es, Mi Detergente Chantada, Adega Castrofiz, Eroski, Os Cipreses, Adegas Amedo, Pilares de Belesar, Finca Pacio, Custom Drinks, e Besbello Papelería Imprenta.
O Concello de Chantada agradeceu a colaboración das empresas e do persoal municipal implicado na organización, e destacou que esta iniciativa busca recoñecer o papel das persoas maiores no sostemento das familias e no desenvolvemento do municipio.