Máis de 30 persoas de toda Galicia participan esta fin de semana no VII Bioblitz do Courel

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A iniciativa céntrase no estudo e rexistro da biodiversidade dun dos espazos naturais máis valiosos de Galicia
bioblitz-o-courel
5 Jun 2026

A serra do Courel converterase esta fin de semana nun punto de encontro para persoas expertas e afeccionadas á natureza coa celebración da sétima edición do Bioblitz do Courel, unha actividade de ciencia cidadá centrada no estudo e rexistro da biodiversidade dun dos espazos naturais máis valiosos de Galicia.

A iniciativa desenvolverase este sábado 6 e domingo 7 de xuño en Folgoso do Courel e reunirá máis de 30 participantes chegados de distintos puntos do territorio galego. Durante as dúas xornadas, realizaranse percorridos por diferentes zonas da serra co obxectivo de identificar e documentar especies de flora, fauna e micobiota presentes no entorno.

A actividade está organizada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus, o Grupo Naturalista Hábitat e a Sociedad para la Conservación y Estudio de las Mariposas en España (SOCEME). Estas entidades achegarán persoal especializado para apoiar o traballo de identificación das especies. A base operativa e centro de coordinación será a Estación Científica do Courel, vinculada á Universidade de Santiago de Compostela.

Un dos aspectos centrais desta proposta é a súa metodoloxía de ciencia cidadá. O Bioblitz consiste nunha prospección intensiva nunha área concreta durante un tempo limitado, combinando a participación do público coa supervisión de especialistas. O obxectivo é realizar un inventario o máis completo posible da biodiversidade local e, ao mesmo tempo, achegar o coñecemento científico á cidadanía e fomentar a súa implicación na conservación dos ecosistemas.

Esta edición do Bioblitz enmárcase dentro do proxecto Saberes do Monte, unha iniciativa orientada a recuperar prácticas tradicionais de xestión do territorio como ferramenta para mellorar a conservación ambiental, reducir o risco de incendios e xerar actividade no medio rural.

O proxecto abrangue máis de 20.000 hectáreas en distintas zonas de montaña de Galicia, incluíndo O Courel, Os Ancares, Negueira de Muñiz, a Serra do Xistral e a Serra da Groba. Entre as súas liñas de actuación inclúense a gandería extensiva, a apicultura e o ecoturismo, co obxectivo de avanzar cara a un modelo de monte vivo que combine conservación e desenvolvemento económico.

Saberes do Monte está coordinado pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), a través de fondos FEDER. Tamén participan como entidades colaboradoras a Deputación de Lugo, Caixa Rural Galega e a Fundación Naiterra.

0.13222098350525