Máis de 30 mozos e mozas participarán esta semana nun intercambio xuvenil internacional en Sober

Sober acollerá entre os días 6 e 13 de xullo un intercambio xuvenil internacional no que participarán máis de 30 mozos e mozas procedentes de España, Portugal, Italia, Romanía, Alemaña e Croacia.
Os participantes aloxaranse na Casa Belán e formarán parte dunha iniciativa organizada pola Asociación Sociocultural BreGal, centrada no intercambio de experiencias e na realización de actividades vinculadas ao consumo responsable.
Ao longo da semana desenvolveranse distintas propostas relacionadas con esta temática, ás que se sumarán outras accións orientadas a fomentar a convivencia e a participación social. Entre elas figura un encontro co campamento de verán local e unha actividade de clausura que terá lugar no mercado dominical de Sober.
O proxecto conta co financiamento do programa Erasmus+ da Unión Europea e busca favorecer o intercambio cultural e a colaboración entre a mocidade de distintos países europeos.