Máis de 1.000 persoas participaron en Quiroga na quinta edición de QuiMedo
Medo e risas na noite do sábado para os 1.200 participantes da quinta edición do QuiMedo. Un ano máis este túnel do terror coidadosamente elaborado non deixou a ninguén indiferente. Desde a organización poñen en valor “o espectacular traballo realizado en cada casa, que as veces non se pode apreciar por ir pendente de onde che van dar un susto, unido á caracterización dos actores fai desta cita do Samaín algo digno de vivir. O medo nalgúns momentos é inevitable, pero tamén o son as risas despois do temor”.
O pavillón municipal, centro neurálxico da festa do terror, abría ás sete da tarde para que o líder de cada grupo recollese as pulseiras que lles permitían o acceso as casas e o mapa do trazado que debían cumprir.
Tamén a esas horas comezaba o QuimedoFest Infantil. Todos os nenos e nenas que acudían coas súas cabazas, basoiras ou caldeiros decorados tiveron un pequeno agasallo.
Ás dez menos cuarto, o Primeiro Tenente de Alcalde, Vicente Parra, facía a presentación do evento e a organización aproveitaba para recordas as normas a seguir así como uns consellos para desfrutar desta festa.
Pouco máis tarde daba comezo a multitudinaria saída para percorrer as casas do gran túnel do terror polo casco urbano de Quiroga e Pacios de Mondelo. “As casas debidamente ambientadas e cada unha cunha temática, dentro das que se atopan máis dun cento de voluntarios debidamente caracterizados”, destacan desde a organización.
Durante tres horas, tempo que permaneceron abertas as casas, cada grupo debía seguir o mapa trazado pola organización para evitar as grandes aglomeracións nas entradas. A “Pirámide”, a “Xungla”, “O barco pirata” a “Apocalipse zombi”, a Casa das Torturas, a Casa das bruxas, o “Cine de terror” e a “Ouija”, foron as temáticas escollidas nesta espectacular e exitosa festa do terror.
Unha vez que os participantes remataron o percorrido, comprobando se o QuiMedo V foi tan terrorífico como prometía, xuntáronse de novo no pavillón municipal para desfrutar da Quimedo Fest cos DJ Mavi Krueguer e Adri Díaz Jason.