Lugo acolle a presentación de 'Saberes do Monte', un proxecto para conservar a biodiversidade e impulsar o rural

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | RibeiraSacraXa
A iniciativa traballará en cinco áreas de montaña de Galicia, entre elas Os Ancares e O Courel, promovendo actividades tradicionais e novos modelos de xestión do territorio
fachada-Deputación-de-Lugo-portada
22 Jul 2026

O Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, acolle a xornada de lanzamento de Saberes do Monte, un proxecto liderado pola Fundación Juana de Vega xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Asociación Galega de Custodia do Territorio.

A iniciativa conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), a través do cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e coa colaboración da área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, Caixa Rural Galega e a Fundación Naiterra.

O proxecto ten como obxectivo conservar e restaurar hábitats de alto valor ecolóxico en cinco áreas de montaña de Galicia: Serra do Xistral, Negueira de Muñiz, Os Ancares, O Courel e Serra da Groba. Para conseguilo, aposta por un modelo de monte vivo que combine a protección da biodiversidade co desenvolvemento rural.

Entre as accións previstas figura a posta en valor de actividades ligadas ao territorio, como a gandaría extensiva, o manexo tradicional de cabalos en liberdade, a apicultura ou o ecoturismo, baixo a marca colectiva Saberes do Monte. Ademais, impulsaranse mecanismos innovadores de financiamento para recoñecer o labor das persoas que coidan e manteñen vivo o monte, así como acordos de custodia do territorio para favorecer unha xestión compartida.

A xornada servirá para presentar os obxectivos, as principais liñas de traballo e os próximos fitos do proxecto, ademais de dar a coñecer as entidades participantes. O programa incluirá tamén unha mesa redonda na que representantes das cinco áreas piloto analizarán os retos e oportunidades para favorecer a conservación da biodiversidade, valorizar as actividades tradicionais, garantir a transmisión de coñecementos e crear territorios máis resilientes.

A inauguración institucional, prevista para as 10.30 horas, contará coa participación da deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Normalización Lingüística e Memoria Histórica da Deputación de Lugo, Iria Castro; do director comercial de Caixa Rural Galega, José Manuel López; e do director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade. Ás 11.00 horas, as entidades socias presentarán o proxecto e as súas principais actuacións.

A partir das 12.30 horas celebrarase unha mesa redonda con representantes das comunidades locais das áreas piloto, entre eles membros de Piornedo (Cervantes), Folgoso do Courel, O Valadouro e Negueira de Muñiz. A clausura da xornada terá lugar ás 13.15 horas e correrá a cargo de Beatriz Suárez, directora da área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega.

0.12113404273987