Licitados os traballos de sinalización da Ruta do Viño da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
Toda a información que afecta aos municipios da provincia de Lugo. Proxectos, actuacións, investimentos e moito mais
Ruta Viño Ribeira Sacra
7 Xan 2021

A Xunta de Galicia vén de publicar na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación dos traballos de sinalización da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, á que destina 130.800 euros.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, explicou que o obxectivo é mellorar a sinalización coa instalación de novos indicadores actualizados que recollan os establecementos e concellos que forman parte da ruta do viño desta denominación de orixe. As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o vindeiro día 25 de xaneiro e o prazo de execución é de catro meses.

O proxecto prevé unificar os tipos de paneis direccionais urbanos e carteis direccionais frecha coa adopción dun único modelo. Ademais, propón incluír indicadores en lugares singulares nos que se pretende dar a coñecer a Ruta do Viño.

O territorio no que se actuará abarca os concellos lugueses de Monforte de Lemos, Sober, Pantón, Chantada, O Saviñao e Quiroga, xunto con outros cinco municipios da provincia de Ourense.

Arias salientou que a ruta abrangue recursos de interese enolóxico, cultural e paisaxístico entre os que se poden atopar, ademais das adegas, outros establecementos que prestan servizos de restauración e hospedaxe, museos, artesanía ou instalacións de lecer.

Esta licitación da Axencia de Turismo de Galicia enmárcase nun contrato que inclúe tamén a mellora da sinalización das rutas do viño de Valdeorras e Monterrei, na provincia de Ourense, e que ten un orzamento total de case 322.000 euros.

0.1550829410553