José Tomé sitúa a Artelemos como o gran escaparate da artesanía da comarca

A XXVI Mostra de Artesanía Artelemos abriu este luns as súas portas na rúa Cardeal de Monforte, onde permanecerá ata o vindeiro sábado 8 de agosto reunindo a 32 artesáns e artesás procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas. O certame, incluído no Programa Cultural de Verán do Concello e celebrado na antesala das Festas Patronais, combina exposición e venda de produtos artesanais con demostracións en directo e obradoiros participativos para todas as idades.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi o encargado de inaugurar esta nova edición acompañado polos concelleiros José Luis Losada, Regina López e Miguel Tomé, así como pola técnica de Promoción Económica, María Trinidad López. Durante o percorrido polo recinto deu a benvida aos participantes, que representan disciplinas tan diversas como a orfebrería, a cestería, o coiro, o vidro, a cerámica, a olaría de Gundivós, a madeira, a lá e outras especialidades artesanais.
O rexedor destacou que “Artelemos é unha cita xa plenamente consolidada no calendario do noso Concello e da Ribeira Sacra, converténdose cada verán nun importante punto de encontro entre artesáns, veciñanza e visitantes”. Segundo sinalou, a rúa Cardeal “volve converterse no gran escaparate da artesanía da nosa comarca, de Galicia e doutras zonas do Estado, ofrecendo ao público unha ampla mostra do traballo feito a man”.
Nesta edición participan profesionais das catro provincias galegas, ademais de León, Toledo e Murcia. En total, 13 dos postos pertencen á Ribeira Sacra, un á cidade de Lugo, tres á provincia de Ourense —dous da capital e un de Allariz—, cinco á provincia da Coruña —tres de Santiago de Compostela e dous doutras localidades—, seis á provincia de Pontevedra —tres de Vigo e tres doutros municipios—, tres á provincia de León, un a Toledo e outro a Murcia.
Un dos principais atractivos da mostra será a posibilidade de ver aos propios artesáns traballando en directo. Ao longo das seis xornadas desenvolveranse demostracións e obradoiros participativos entre as 12.00 e as 14.00 horas e entre as 19.00 e as 21.00 horas, mentres que o recinto permanecerá aberto ao público de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas.
A programación de actividades comezou este luns cunha demostración da tradicional olaría de Gundivós a cargo de Elías González e un obradoiro de cestería impartido por Luisa Martínez. O martes será a quenda de Otilia Arias e Tomás López, que ofrecerán un taller infantil de olaría e unha demostración da olaría tradicional da Ribeira Sacra Figulus.
O mércores, Lucía Casado impartirá un obradoiro de coiro centrado na elaboración dun colgante artesanal. O xoves, Luisa Mosquera dirixirá un taller de fieltro en lá e bordado a man, mentres que o venres Amparo Escrich desenvolverá unha actividade de modelado en barro destinada ao público infantil.
A programación concluirá o sábado con dous obradoiros simultáneos. María Monsalve ensinará a técnica do feltrado con agulla en seco para elaborar un chaveiro, mentres que Noel Pérez ofrecerá un taller infantil de modelado e pintura no que os participantes crearán un Lagarto Arnau. En ambos os casos, as persoas asistentes poderán levar as súas creacións. Para participar será preciso inscribirse previamente no stand do Concello, situado no recinto feiral, cun mínimo de media hora de antelación ao comezo de cada actividade.
José Tomé puxo en valor a contribución dos artesáns á conservación do patrimonio cultural e afirmou que “que son auténticos embaixadores da nosa cultura, xa que conservan técnicas transmitidas de xeración en xeración e contribúen a manter vivo un legado que forma parte da identidade da Ribeira Sacra”. Neste sentido, engadiu que apoiar este sector “significa tamén apoiar o desenvolvemento do medio rural, a economía local e a promoción turística do noso territorio”.
O alcalde convidou á veciñanza e ás persoas que visiten Monforte durante estes días a achegarse á rúa Cardeal para coñecer o traballo dos artesáns, participar nas actividades programadas e apoiar o sector coas súas compras. Ademais, amosouse convencido de que “esta XXVI edición de Artelemos volverá ser un éxito de participación e contribuirá a reforzar a imaxe de Monforte como un referente cultural, artesanal e turístico da Ribeira Sacra”.