José Tomé recibe á delegación monfortina que participou  nos XVI Xogos do Eixo Atlántico

RibeiraSacraXa
Os 68 deportistas monfortinos competiron en catro modalidades e lograron unha medalla de bronce en voleibol masculino e dúas de prata en atletismo da man de Claudia Álvarez Velasco
tome-recepcioon-delegacion-monforte-xogos-eixo-atlantico
11 Jul 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, recibiu aos integrantes da delegación monfortina que participou nos XVI Xogos do Eixo Atlántico, celebrados en Santiago de Compostela entre os días 6 e 10 de xullo. O encontro tivo lugar á chegada dos deportistas ao Parque dos Condes, onde o rexedor felicitou aos participantes polos resultados acadados durante a competición.

A representación monfortina estivo integrada por 68 deportistas que competiron en catro modalidades: voleibol masculino e feminino, baloncesto masculino, atletismo e natación, tanto en categoría masculina como feminina.

Entre os resultados obtidos destaca a medalla de bronce conseguida polo equipo masculino de voleibol, nunha competición na que participaron nove equipos. Pola súa banda, o conxunto feminino de voleibol rematou na quinta posición entre dezasete equipos, mentres que o equipo masculino de baloncesto finalizou sétimo dunha participación de dezanove conxuntos.

No apartado de atletismo, Claudia Álvarez Velasco logrou dúas medallas de prata, unha na proba feminina dos 1.000 metros en pista e outra en atletismo en ruta. Ademais, o equipo feminino de atletismo en ruta acadou a cuarta posición por equipos.

Durante a recepción, José Tomé destacou a imaxe ofrecida pola expedición monfortina e animou aos deportistas a “seguir traballando para acadar novos éxitos para o deporte monfortino”.

Os equipos estiveron integrados por deportistas pertencentes a diferentes clubs e entidades deportivas da cidade. O Club de Atletismo A Gándara e o Club Natación Monforte encargáronse da selección dos representantes en atletismo e natación; o Club Korbis e o Club de Voleibol Ribeira Sacra achegaron os xogadores e xogadoras das seleccións de voleibol, mentres que o C.B. Val de Lemos asumiu a formación do equipo de baloncesto.

Os Xogos do Eixo Atlántico celébranse cada dous anos e reúnen deportistas de Galicia e do norte de Portugal nun encontro que combina competición deportiva, convivencia e intercambio cultural.

Nesta edición participaron 28 municipios, dos que dez pertencían a Galicia e dezaoito a Portugal. As delegacións galegas sumaron un total de 742 integrantes, mentres que as portuguesas estiveron formadas por 1.459 persoas, superando así os 2.000 participantes nesta cita deportiva.

0.085947036743164