José Tomé destaca o éxito na recollida municipal de plásticos agrícolas

RibeiraSacraXa
O Alcalde de Monforte destaca, moi satisfeito, que este ano recolléronse tres toneladas máis ca o pasado 2021.
jose tome
jose tome
12 jun 2022

Este ano recolléronse tres toneladas máis ca no 2021.

O rexedor municipal agradeceu ““a implicación e colaboración dos gandeiros e agricultores monfortinos que participaron nesta campaña, podendo incrementar significativamente a recollida deste tipo de plásticos, ata alcanzar os 10.000 quilos, que son 3.000 quilos máis que en 2021, os cales procederemos a reciclar, que é o obxectivo destas recollidas”.

O plástico agrícola recollido foi depositado por gandeiros e agricultores nos puntos habilitados nas diferentes parroquias de Monforte durante a fin de semana do 21 e 22 de maio, unhas datas que coinciden coa época na que os gandeiros e labregos necesitan desfacerse dun gran volume de plásticos, procedentes basicamente do ensilado de herba.

A recollida de plásticos agrícolas levouse a cabo en Marcelle, Gullade, Nocedas e Penela, Vilamarín (campo da festa), Santa Mariña e Caneda, Bascós, Chavaga e Sindrán, Reigada e Fontes, Piñeira, A Parte e Valverde, Chao do Fabeiro, Moreda, San Xoán, San Xulián e Seoane, Fiolleda, e Baamorto.

José Tomé destaca que “este servizo de recollida de plásticos agrícolas non ten ningún custe para os agricultores e os gandeiros e, ademais, contribúe de xeito importante á conservación do medio ambiente, que é un dos nosos obxectivos primordiais. Trátase da décimo cuarta recollida deste tipo levamos a cabo dende o Concello de Monforte, logo de que a primeira recollida fora efectuada no ano 2008”.

Por outra parte, o Alcalde tamén recorda que outro xeito que se pode levar a cabo para a eliminación destes residuos agrícolas é achegalos ó Punto Limpo do Concello en calquera data do ano. 

“Dende o Concello”, concluíu o Alcalde “queremos agradecer o interese dos labregos e gandeiros por eliminar correctamente este tipo de residuos e, deste xeito, contribuír ó coidado e mellora da nosa contorna ambiental. Así mesmo, agradecemos o traballo realizado polos pedáneos para difundir entre os seus veciños a existencia deste servizo”.