José Tomé destaca a “excelente acollida” da saída da 4ª etapa de La Vuelta Femenina

A cidade de Monforte de Lemos volveu situarse este xoves no foco do ciclismo internacional ao acoller a saída da 4ª etapa de La Vuelta Femenina, unha das probas máis destacadas do calendario deportivo feminino a nivel mundial.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi o encargado de cortar a cinta no arco de saída, situado na zona da Compañía, dando así comezo a unha xornada deportiva que reuniu a algunhas das mellores ciclistas do panorama nacional e internacional.
A saída da etapa realizouse arredor das 14:15 horas desde a Praza da Compañía, tras o control de firmas que comezou ás 13:00 horas. O percorrido urbano atravesou varias vías céntricas como Cardenal, Avenida de Galicia, Ronda María Emilia Casas Baamonde e Doutor Casares, antes de saír da cidade pola zona do Morín en dirección Bóveda.
No acto de saída, o rexedor estivo acompañado pola tenente de alcalde, o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén, o director deportivo da proba, Fernando Escartín, e a ex ciclista e embaixadora da competición Dori Ruano, ademais de membros da corporación municipal.
O ambiente foi especialmente destacado no centro da cidade, onde centos de veciños e veciñas se congregaron ao longo do percorrido para animar ás participantes. O alcalde agradeceu a “excelente acollida” deste evento por parte da cidadanía e destacou “a relevancia deportiva e mediática desta proba que reúne ás mellores corredoras do ámbito nacional e internacional”. Así mesmo, puxo en valor “o importante impacto na economía local, xa que a presenza de equipos, organización, medios e afeccionados contribúe a dinamizar sectores como a hostalaría, o comercio e o turismo, sendo unha ocasión excepcional para amosar ao mundo o noso patrimonio histórico e paisaxístico”.
Segundo se lembrou desde a organización, La Vuelta Femenina conta cunha ampla difusión internacional, con retransmisión en máis de 190 países a través de canles como RTVE e Eurosport, e coa presenza de medios de comunicación de diferentes nacionalidades.
A etapa, con saída en Monforte e chegada en Antas de Ulla, contou cun percorrido de 115 quilómetros que atravesa diversas localidades da provincia de Lugo, nunha xornada de alta esixencia deportiva.