José Manuel Silva ‘Cuqui Silva’ será o pregoeiro da VIII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

RibeiraSacraXa
Esta VIII edición contará coa participación de 27 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e 12 propostas gastronómicas
Cuqui-Silva-pregoeiro-festival-vino-monforte
6 Jun 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou que José Manuel Silva Rodríguez, coñecido como ‘Cuqui Silva’, será o encargado de pronunciar o pregón inaugural da VIII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo no Paseo do Malecón.

Nado en Chantada en 1949, José Manuel Silva está considerado unha das personalidades galegas con maior proxección internacional nos ámbitos da agricultura, o desenvolvemento rural, a investigación e as políticas europeas. Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid, participou nas negociacións da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, centrando o seu labor especialmente nas cuestións agrarias.

Ao longo de máis de tres décadas desenvolveu unha destacada carreira nas institucións comunitarias, converténdose nun referente europeo no ámbito das políticas agrarias e de desenvolvemento rural. Na Comisión Europea ocupou cargos de máxima responsabilidade como xefe das divisións de Froitas e Hortalizas, Tabaco e Viño, Director de Produtos Vexetais, Director Xeral Adxunto de Desenvolvemento Rural, Director Xeral de Agricultura e Director Xeral de Investigación.

Desde estes postos contribuíu de forma decisiva á definición e desenvolvemento das políticas agrarias, rurais e de innovación que marcaron a evolución do sector agroalimentario europeo nas últimas décadas.

Tras a súa etapa nas institucións europeas, reincorporouse á Administración española a finais de 2014 como Vocal Asesor no Ministerio de Ciencia. Ata a súa xubilación, en outubro de 2019, exerceu tamén como representante de España no Comité Director do EuroHPC, a iniciativa estratéxica europea para o desenvolvemento da supercomputación.

A súa traxectoria profesional foi recoñecida con numerosas distincións, entre as que destacan os títulos de Fillo Predilecto de Chantada, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Oficial da Lexión de Honor da República Francesa, unha das máis importantes condecoracións do Estado francés.

Na actualidade continúa colaborando activamente en diferentes organismos científicos, tecnolóxicos e de desenvolvemento territorial, formando parte de entidades como a Fundación Kaertor, o Barcelona Supercomputing Center, o Comité Científico de Galicia, o Comité Científico do CERVIM, o CORICAT de Cataluña ou o Comité Consultivo de SPARC.

José Tomé destacou que a elección de José Manuel Silva como pregoeiro supón “unha homenaxe a unha traxectoria profesional excepcional profundamente vinculada ao mundo agrario e ao desenvolvemento dos territorios rurais, valores que conectan directamente coa identidade da Ribeira Sacra e coa filosofía do noso Festival do Viño”.

O pregón terá lugar o venres 3 de xullo ás 21.00 horas durante o acto oficial de inauguración do certame, inmediatamente despois da actuación dos Xograres de Lemos.

A VIII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra contará coa participación de 27 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e 12 propostas gastronómicas. Ademais, o programa incluirá catas temáticas, unha masterclass internacional impartida por Jonas Tofterup, Master of Wine, actividades infantís, ViñoRutas polos canóns do Sil e do Miño e actuacións musicais a cargo de A Roda, Galifunk e os propios Xograres de Lemos.

O evento consolidouse nos últimos anos como unha das grandes citas de promoción vitivinícola e turística da Ribeira Sacra, reunindo cada verán a centos de visitantes arredor do viño, a gastronomía e a cultura da comarca.

0.11650609970093