Interior Galego Vivo alerta que a viticultura galega afronta a vendima "á intemperie" ante a falta de resposta da Xunta

A organización agraria Interior Galego Vivo amosa a súa preocupación pola situación na que a viticultura galega inicia unha nova vendima. Segundo explican, o sector viñista leva anos convivindo cunha combinación de factores que comprometen a súa viabilidade: os efectos cada vez máis visibles da mudanza climática —con ciclos de cultivo adiantados, ondas de calor máis frecuentes e episodios de seca—, xunto co encarecemento continuado dos custos de produción e uns prezos da uva na orixe que, aseguran, permanecen estancados desde hai máis de vinte anos.
A entidade detalla a situación por zonas. Na DO Rías Baixas, tras un período de forte expansión de novas plantacións vinculadas a investimento externo, apuntan que os prezos e o ritmo de recollida están a resentirse, afectando especialmente ás pequenas explotacións, que percibirían arredor de 1,50 euros por quilo de uva. En Monterrei, os prezos manexados oscilarían entre 1,50 euros para o godello, 1,20 euros para a treixadura e 0,80 euros para a mencía.
Porén, segundo Interior Galego Vivo, é na Ribeira Sacra onde a situación resulta máis preocupante. A organización indica que unha parte importante dos contratos de compravenda aínda non está asinada e que, alí onde se pechan acordos, os prezos rondarían 1,20 euros por quilo para a mencía, 0,70 euros para a garnacha e 1,60 para o godello, contías que, ao seu xuízo, non cobren os custos reais de produción nunha viticultura de montaña como esta.
A entidade relaciona esta situación coa ausencia dun estudo oficial e actualizado sobre os custos efectivos de produción da uva en Galicia, ferramenta que consideran imprescindible para aplicar con garantías a Lei da Cadea Alimentaria. Interior Galego Vivo sostén que, sen ese diagnóstico, a norma queda sen unha aplicación real e que tampouco existen controis suficientes no sector.
Como consecuencia, a organización alerta dun avance do abandono do viñedo tradicional na contorna dos ríos Miño, Cabe e Sil, motivado pola falta de rendibilidade, a escasa renovación xeracional e a idade media elevada de boa parte dos viticultores en activo.
IGV pide tamén ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que asuma un papel máis activo na defensa dos intereses do sector produtor, máis alá das súas funcións de control e promoción.
Entre as súas reivindicacións, a entidade solicita á Consellaría do Medio Rural a elaboración inmediata dun estudo oficial de custos de produción diferenciado por zonas e variedades; o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria, evitando contratos por debaixo dos custos de produción e garantindo prazos de sinatura axeitados; que as axudas á paisaxe non queden condicionadas á pertenza a unha Denominación de Orixe; e maior transparencia na formación de prezos e nos controis sobre a orixe da uva que entra nas adegas.