Instalado o AZUD desmontable da Pinguela para mellorar a continuidade do río Cabe e a recarga da lagoa

RibeiraSacraXa
A estructura permite que a lagoa manteña mellores condicións de auga en épocas de estiaxe, cando a redución dos caudais do río Cabe dificulta a recarga superficial a través do canal de entrada
azud-desmontable-a-pinguela-rio-cabe
29 May 2026

Instalado o AZUD desmontable da Pinguela para mellorar a continuidade do río Cabe e a recarga da lagoa

A estructura permite que a lagoa manteña mellores condicións de auga en épocas de estiaxe, cando a redución dos caudais do río Cabe dificulta a recarga superficial a través do canal de entrada

O Concello de Monforte de Lemos vén de completar a colocación do AZUD desmontable na Lagoa da Pinguela, situada no Parque de Cobas, unha actuación destinada a dar continuidade lonxitudinal ao cauce natural do río Cabe e a mellorar a recarga subterránea da auga da lagoa.

Segundo informou o alcalde, José Tomé Roca, os traballos executáronse durante a primavera, un período no que se considera máis axeitado para este tipo de intervencións, co obxectivo de manter unha lámina de auga estable na lagoa e favorecer o seu funcionamento hidráulico, similar ao doutros espazos como a presa do Parque dos Condes.

A presenza deste AZUD desmontable permite que a lagoa manteña mellores condicións de auga en épocas de estiaxe, cando a redución dos caudais do río Cabe dificulta a recarga superficial a través do canal de entrada, facéndoa máis sensible ás variacións do sistema fluvial.

Trátase dunha estrutura que será retirada no inicio do outono, coincidindo coa chegada das choivas, co fin de facilitar o paso natural da auga e minimizar posibles danos derivados das crecidas.

Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo desenvolvido nos últimos anos. No ano 2016, as fortes choivas provocaron a rotura do antigo AZUD da Pinguela, o que levou ao Concello a iniciar xestións para a súa reposición e para a recuperación integral do entorno.

Posteriormente, en xaneiro de 2022, o alcalde presentou en rolda de prensa, acompañado polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, o proxecto de acondicionamento da lagoa da Pinguela e a construción dunha nova presa desmontable. A intervención supuxo unha actuación global na zona do Parque de Cobas, cunha superficie de preto de tres hectáreas (30.000 m²) e un investimento total de 612.000 euros.

Ese proxecto foi executado ao longo de 2022 e inaugurado en decembro dese mesmo ano, e incluíu non só a instalación do novo AZUD desmontable, senón tamén o acondicionamento da lagoa e a creación dun paseo perimetral que configura un circuíto arredor do espazo natural.

No proceso de execución tamén se retiraron os restos do antigo azud, en cumprimento da normativa europea que esixe garantir a continuidade lonxitudinal dos cursos fluviais. Tras a súa demolición, acondicionouse o cauce cun muro de protección fronte á erosión, co fin de controlar o comportamento do río Cabe neste tramo, especialmente en caso de riadas ou aumentos de caudal.

O novo sistema foi deseñado para permitir esa continuidade do río e, ao mesmo tempo, favorecer a recarga subterránea da lagoa, xerando unha lámina de auga estable no entorno.

Ademais, o proxecto incluíu a instalación dunha escala de peixes de madeira, co obxectivo de garantir a permeabilidade da fauna piscícola e evitar que o azud supoña unha barreira para a biodiversidade do río.

0.12538695335388