Gundivós pon en valor a tradición da olaría

RibeiraSacraXa
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegou a Gundivós o último concerto do ciclo “As Cegas de Ouselle”, que se despidiu tras percorrer Lugo, Samos e Bonxe.
olaria_gundivos
12 May 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegou a Gundivós o último concerto do ciclo “As Cegas de Ouselle”, que se despidiu tras percorrer Lugo, Samos e Bonxe. A deputada de Cultura Iria Castro participou nesta última xornada que serviu de encontro entre olería e música. O forno da Reitoral de Gundivós acendeuse e serviu de punto de encontro para estas actividades que incluíron a actuación da agrupación tradicional de Aldara Palmeiro (violín e voz), Miguel Lustres (acordeón e voz) e Antón Castro (zanfona e voz), que interpretaron repertorios tocados e cantados polas coñecidas como cegas de Ouselle nas feiras de antano mentras as persoas asistentes viron como se remataban as pezas enfornadas o venres.

Esta xornada de portas abertas na Reitoral de Gundivós deu continuidade ás celebradas en semanas pasadas en Bonxe e Samos, que "serviron para visibilizar a diversidade da tradición oleira das comarcas de Lugo", destacou Castro. Así mesmo, recordou que este ciclo complementouse coa publicación do volume “Formas tradicionais da olería popular. Terra Cha. Bonxe”, coordinado por Hixinio Flores Rivas e Orlando Viveiro Veiga e editado polo Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, tamén asistiu á xornada de Olería organizada no Centro Oleiro de Gundivós, organizada no marco da exposición 'Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós'. Durante o evento, Cristina López indicou que esta mostra e as actividades organizadas arredor dela "permiten ofrecer unha imaxe da riqueza oleira e do modo de vida de épocas pasadas en Galiza e en Lugo".

Engadiu "esta mostra é froito dos estudos de Luciano García Alén e do traballo conxunto de coleccionistas, profesionais da arqueoloxía e persoal investigador da USC". A exposición, que ocupa a totalidade do espazo expositivo do Vello Cárcere amosa ata o 17 de maio unha selección de 250 pezas de cerámicas singulares e de uso cotián na casa galega, producidas nos centros oleiros de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, os catro máis importantes da provincia de Lugo.

Na mostra, que reflicte as semellanzas e as diferenzas entre as pezas que se fixeron nos catro centros artesanais que coexistiron na provincia de Lugo, valorouse a funcionalidade, antigüidade e decoración das propias cerámicas, e inclúe paneis informativos que proporcionan a máxima información a todas aquelas persoas que se achegan a visitar a exposición, con detalles sobre as tipoloxías, procedencias ou datos máis específicos de tipo etnográfico e arqueolóxico. 'Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós' dispón tamén dunha reportaxe fotográfica onde se recollen todos os elementos non musealizables asociados ao oficio de oleiro, como camiños ou fornos, así como fotos das persoas que desempeñaron o oficio.

0.15467500686646