Galicia suma xa 16 xornadas con avisos por altas temperaturas e rexistrou o segundo xuño máis cálido desde 1961

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, sinalou hoxe que Galicia suma xa este ano 16 xornadas con avisos por altas temperaturas e que, de feito, a Comunidade vén de rexistrar o segundo mes de xuño máis cálido desde 1961.
En concreto, a temperatura media para a serie rexional galega 1961-2026 foi de 20,4 graos, o que supón 2,6 graos máis do habitual neste período, segundo os datos rexistrados en once estacións meteorolóxicas representativas. Ademais, segundo o informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, o pasado mes de xuño estivo marcado por dous importantes episodios de calor.
A maiores, neste mes de xullo xa vivimos un episodio de altas temperaturas no que se superaron os 40 graos en distintos puntos de Ourense, do sur de Pontevedra e Lugo chegando a alcanzar unha máxima de 42,6 graos o pasado sábado na cidade de Ourense. A esta situación sumouse o feito de que moitas localidades rexistrasen noites tropicais, con temperaturas que non baixaron dos 20 graos durante a madrugada.
Nesa liña, a conselleira incidiu en que os episodios de calor “non son excepcionais”, xa que Santiago de Compostela alcanzou os 40 graos en setembro de 2016 e en Ourense rexistráronse 44 graos no verán de 2022. Con todo, o que indican os datos é que estes fenómenos aparecen cada vez con maior frecuencia e, nalgúns casos, con maior intensidade.
Esa tendencia é precisamente a que, segundo aseverou Ángeles Vázquez, obriga ás administracións públicas a reforzar a capacidade para actuar con previsión e seguir avanzando nas políticas de adaptación ao cambio climático.
Así, a conselleira puxo como exemplo de planificación e seguimento continuo a actuación do Goberno galego na xestión dos recursos hídricos. De feito, mañá, mércores, reunirase a Oficina Técnica da Seca, que é o órgano encargado de analizar periodicamente a evolución dos indicadores meteorolóxicos e hidrolóxicos previstos no Plan especial de seca de Galicia.
Ángeles Vázquez explicou que se trata dunha reunión de coordinación e análise técnica na que se avaliará a situación actual coa información meteorolóxica e hidrolóxica dispoñible e, de ser o caso, adoptaranse as decisións que correspondan conforme aos criterios técnicos. A maiores, a conselleira fixo un chamamento á cidadanía para realizar un uso responsable da auga porque é a mellor forma de contribuír á súa preservación.
A maiores, a conselleira fixo fincapé no traballo que vén realizando a Xunta de Galicia para avanzar na adaptación da Comunidade ao cambio climático a través, por exemplo, da aprobación da Lei do clima, que establece como obxectivo acadar a neutralidade climática en 2040.
Nese senso, Ángeles Vázquez explicou que, para seguir avanzando na adaptación climática, a Xunta vén de presentar alegacións ao Plan social para o clima presentado polo Goberno central, centradas no recoñecemento das singularidades territoriais da Comunidade -dispersión poboacional, envellecemento demográfico, predominio da vivenda unifamiliar, dependencia do vehículo particular no rural, etc.- para reforzar a súa eficacia social e climática, así como na solicitude de que non se penalicen actuacións xa impulsadas en Galicia.
En concreto, a conselleira criticou que o Executivo central leve un ano de retraso na aprobación deste instrumento que é clave para acceder ao financiamento do Fondo social polo clima da Unión Europea. Cómpre lembrar que xa en maio de 2025 a Xunta remitiu ao Ministerio unha proposta con 62 actuacións por un importe de máis de 1.973 millóns de euros e susceptibles de financiamento con cargo ao Fondo social para o clima.
Agora, o borrador presentado polo Goberno central sinala que as propostas autonómicas foron valoradas e incorporadas ao Plan, pero non identifica que medidas concretas foron aceptadas, modificadas ou descartadas nin os criterios empregados. Ante isto, o Goberno reclama explicacións sobre o tratamento dado a estas achegas, así como o recoñecemento expreso do papel das comunidades autónomas na planificación, execución, seguimento e avaliación das medidas.