Galego de Caracas representou ao Bóveda Slam Poetry no XIII campionato de Poetry Slam España
Bóveda Slam Poetry participou no XIII campionato de Poetry Slam España, que se celebrou en Santander o pasado mes de outubro e na que actuaron 32 sedes de Slam, coa intervención de Galego de Caracas, pseudónimo de Simón Rodríguez Landaeta, poeta venezolano afincado en Lugo, quen se clasificara para ese acontecemento na Gran Final e que deixou no campionato estatal unha importante pegada recitando en galego.
Bóveda Slam Poetry é unha organización sen ánimo de lucro inscrita na asociación de Poetry Slam España que pretende achegar a poesía escénica á xente, promovendo a participación dos veciños no desenvolvemento dos encontros poéticos. Os encontros que entran no circuíto oficial de Poetry slam España organizados por Bóveda Slam Poetry celébranse sempre dentro do concello de Bóveda e a entrada é completamente libre.
Dende o mes de marzo de 2023 pasaron por Bóveda máis de 30 poetas, participando nos distintos encontros de poesía escénica do Bóveda Slam Poetry que se organizaron até agora. Trece encontros locais e máis a organización do II Poetry Slam Galiza, que estivo amenizado pola música de Suso Álvarez e Valentina, profesor e alumna da escola de arte !CREATIVA, e no que interviron as e os poetas gañadores das finais das tres sedes de ‘poetry slam’ galegas (Compostela, Carral e Bóveda) da tempada pasada e do que saíu gañador Peter Brea, representando a Poetry Slam Compostela. Máis de trinta poetas que deron a coñecer as súas obras co seu particular xeito de expoñelas e que se espiron diante do público encomendándose ao seu criterio.
Xa encetada a nova tempada, Bóveda Slam Poetry está a piques de celebrar o segundo encontro á procura da segunda poeta ou do segundo poeta que se clasificará para a Gran Final, da que sairá o representante de Bóveda no seguinte campionato estatal de Poetry Slam España. O primeiro encontro tivo lugar o pasado 30 de novembro en Rubián. Resultou gañador deste combate poético, recibindo a cunca de ouro, o poeta sarriano, José Antonio García. A cunca de prata foi para a bate bovedense, Yolanda Alcas e a de bronce para a tamén sarriana, Meryjanefunk.