“Froitos da Arte” achega á mocidade do sur de Lugo novas ferramentas para emprender a través da creatividade

O Castro Art Village acollerá entre o 29 de xuño e o 3 de xullo o ciclo de obradoiros “FROITOS DA ARTE. Emprender dende a creatividade no rural”, unha proposta formativa gratuíta dirixida a persoas de entre 18 e 35 anos que residan ou desenvolvan proxectos no sur da provincia de Lugo.
A iniciativa está promovida pola Fundación Acción contra a Fame Galicia, no marco do proxecto “Comunidades de Dinamización e Emprego Inclusivo: Novas Ruralidades”, en colaboración coa Fundación “la Caixa”, co obxectivo de impulsar novas oportunidades de emprendemento, participación e desenvolvemento persoal no ámbito rural.
O programa será impartido por Davoud Gerami e Tatiana Alonso, cofundadores de O Castro Art Village, un proxecto cultural situado na Ribeira Sacra.
A proposta formativa introduce unha metodoloxía centrada nas artes expresivas e na experiencia práctica de creación de proxectos culturais no rural galego. Ao longo de cinco sesións de catro horas de duración, as persoas participantes traballarán as súas ideas a través de disciplinas como a pintura, a escritura, o collage ou a creación colectiva, ademais de espazos de reflexión compartida.
Segundo a organización, o obxectivo non é elaborar un plan de negocio tradicional, senón reforzar a conexión coa motivación persoal que sustenta cada iniciativa, favorecendo unha visión máis sostible e coherente do emprendemento.
O ciclo está orientado especialmente a persoas emprendedoras, artistas, artesás e perfís creativos que estean en procesos de definición ou cambio profesional, con interese en desenvolver proxectos vinculados ao territorio, á cultura, á sustentabilidade ou á innovación social.
As sesións celebraranse os días 29 e 30 de xuño e 1, 2 e 3 de xullo, en horario de 10:00 a 14:00 horas, nas instalacións de O Castro Art Village, no Castro de Mourelos (O Saviñao). As prazas son limitadas e a participación é gratuíta.