Francisca Abeledo de Teatreiras de Monforte: “O teatro é unha vía de escape, é case coma ter outros avós e outras avoas”

RibeiraSacraXa
Valorar a cultura, compartir vivencias e ofrecer a experiencia de participar nunha función dende dentro son as ambicións da asociación, que mantén o seu compromiso co único obxectivo de facerlle pasar ao público un bo rato Lucía Blanco Francisca Abeledo é unha namorada do teatro dentro e fóra do escenario.
teatreiras_monforte
5 Nov 2023

Valorar a cultura, compartir vivencias e ofrecer a experiencia de participar nunha función dende dentro son as ambicións da asociación, que mantén o seu compromiso co único obxectivo de facerlle pasar ao público un bo rato

Lucía Blanco

Francisca Abeledo é unha namorada do teatro dentro e fóra do escenario. Alá onde vai transmite mellor ca ninguén o gusto por unha afección que non sempre goza do recoñecemento nin do apoio que merece, aínda que a arte escénica une xeracións e transmite ensinanzas como o compromiso, o respecto ou o traballo en equipo. Valores que precisamente comparte a través de Teatreiras, asociación monfortina da que se encarga dende hai máis de dúas décadas.

Como nace o grupo?

Naceu xa hai 23 anos cando o Concello de Monforte subvencionaba o teatro para persoas maiores e eu levaba colexios. Fomos empezando con subvencións ata que se acabaron. Despois elas quixeron seguir co grupo, entón constituímos a asociación sen ánimo de lucro e co tempo foise abrindo a xente de toda as idades.

Cantas persoas forman parte de Teatreiras?

Agora somos 16, desde os 9 ata os 80 anos. Leva pasado máis dun cento de persoas polo grupo, de feito dúas das maiores que teño están desde o principio. Eu o que son sobre todo é dinamizadora sociocultural, entón o que me gusta é que a xente se implique e participe en proxectos a longo prazo, onde todos e todas poidamos aprender dos demais.

Que obxectivo manteñen?

Compartir un pouco as vivencias de cada persoa. Pretendemos que sexa unha experiencia para que toda esta xente nova estea cos maiores, que se levan de marabilla, que supoña máis alá do feito teatral, que sexa unha experiencia vital.

Cantas obras intentades poñer en escena cada ano?

Polo menos imos a unha obra por curso, pero dende hai anos facemos colaboracións, que é outro dos nosos obxectivos. Organizamos contacontos nos colexios, sempre levamos o espectáculo que montamos á residencia de maiores de Monforte e por nadal facemos desde recitais de poesía ata todo aquilo no que no grupo se queira implicar.

Como se xestiona este traballo?

Acabamos polo mes de decembro e en febreiro volvemos a comezar. Primeiro constituímos o grupo, que é aberto. Cando está asentado, empezamos traballar o corpo, a voz, a expresividade, as relacións ou as emocións. E preparamos un texto que adapto porque normalmente todo o mundo quere actuar. Despois, grazas á Deputación de Lugo e ao seu programa de teatro afeccionado, ímonos de xirar e de onde nos chaman alá imos.

Como se mantén un grupo deste tipo?

Intentamos participar nas actividades de xeito gratuíto porque non cobramos nada. A asociación só se mantén coa xira de Deputación, que nos permite facer catro actuacións subvencionadas e é do que vive o grupo. Non se pide cota e o que xera o teatro reinvístese aí.

Que é o que máis goza a xente?

A intención é que, nas dúas horas á semana que pasamos xuntas, a xente aproveite ese espazo para desvincularse da cotiandade e esquecerse dos problemas. É como una vía de escape, co aliciente de que compartes con persoas que ao mellor fóra deste entorno non tes relación, pero dentro do teatro a vivencia cambia moito. É case como ter outros avós e outras avoas, outras irmás maiores, porque temos moita variedade.

E as actividades nas que máis participan?

As colaboración con outras entidades, por exemplo, polo Día da Muller que sempre faciamos unha actividade especial. De feito, eu escribira unha obra que se titula Mulleres e pasámola por moitos sitios. As colaboración son moi bonitas, porque xa non é a xente que participa de fóra, é o ambiente que se crea.

Como de necesarias son este tipo de agrupacións?

Todo o que se xere culturalmente nos pobos, sobre todo nos pequenos, sen esperar a que nos veña dado, para min é algo positivo. Eu intento que participe o maior numero de persoas, que se mova o público para ir a ver as representacións.

Tamén é unha forma de achegar a práctica teatral á sociedade e ás novas xeracións.

Hai programas de teatro profesional moi bos que organiza o Concello de Monforte todos os anos e a verdade é que non se enche o sitio. O meu interese é que os nenos e nenas non só fagan teatro, senón que o consuman, que valoren a cultura doutro xeito. E, sobre todo, que valoren as interrelacións persoais, o traballo en equipo, o respecto aos compañeiros e compañeiras, a constancia de chegar ata aí e o compromiso a cambio de nada, só coa intención de que o público pase un moi bo rato.

Que lle diría a alguén que ten interese, pero que lle dá certo respecto o mundo do teatro?

Nós animamos a todo ao mundo a que participe. Ao mellor ao principio dálle vergonza expoñerse, pero non todos teñen que actuar. Hai persoas que se poden ocupar do decorado, do vestiario, de axudar na dirección ou de poñer a música. Eu creo que o importante é vivir a experiencia cunha función, a que queiras: actuar, poñer a música, facer os carteis.. O importante é vivir esa experiencia, o ambiente que se crea e o proceso, que é moi elaborado.

teatreiras_monforte_inseguridade_social
0.20077705383301