Folgoso do Courel ultima os preparativos do obradoiro de carrilanas que arrinca este venres

O Concello de Folgoso do Courel celebrará esta fin de semana un obradoiro de elaboración de carrilanas co que busca impulsar a participación na tradicional baixada que terá lugar o próximo 18 de xullo. A iniciativa desenvolverase no Centro Sociocultural de Fondo de Vila e permitirá aos asistentes coñecer os pasos necesarios para deseñar e construír estes vehículos sen motor.
A actividade arrancará este venres, 27 de xuño, e continuará o sábado 28, en horario de 10.00 a 13.00 horas. Durante as dúas xornadas, os participantes recibirán formación práctica para preparar as súas propias carrilanas de cara á competición estival.
O obradoiro estará impartido por Roberto Ferreiro, que ofrecerá asesoramento técnico e acompañará aos asistentes durante o proceso de montaxe e preparación dos vehículos.
Desde o Concello sinalan que esta proposta pretende fomentar a creatividade, o traballo manual e a participación veciñal arredor dunha das actividades máis singulares do verán no municipio. Ademais, destacan que a iniciativa servirá para que os participantes cheguen á baixada de carrilanas con vehículos elaborados por eles mesmos.
As persoas interesadas aínda poden formalizar a súa inscrición nas oficinas municipais ou a través do teléfono 982 43 30 01.