Folgoso do Courel celebra a XXXVII edición da súa Festa da Castaña con música, gastronomía e artesanía

Folgoso do Courel prepárase para vivir unha nova edición da súa tradicional Festa da Castaña, que chega este ano á súa trixésimo sétima convocatoria. Trátase dunha celebración recoñecida como festa de interese turístico, que combina gastronomía, música e artesanía local ao longo de varios días.
Os actos comezarán o venres 30 de outubro cun obradoiro dirixido ao alumnado do CPI Poeta Uxío Novoneyra, impartido polo cociñeiro Alex Iglesias.
A actividade continuará o xoves 6 de novembro, cunha xornada que arrincará ás 20.30 horas na Praza do Concello. Esa tarde-noite incluirá un showcooking a cargo do cociñeiro Martín Mantilla, a tradicional queimada popular e música en directo coa Charanga Mil9 e o DJ Fa. Ademais, celebrarase o sorteo de premios entre o público que participara no VII Concurso de Tapas.
O groso da celebración terá lugar o sábado 7 de novembro, xornada na que se concentran a maioría das actividades. A festa arrincará ás 12.00 horas coa actuación da agrupación musical Courelouzara, encargada de dar o pistoletazo de saída. Durante toda a mañá o público poderá gozar dunha degustación gratuíta de castañas e viño, así como dunha demostración de cestería e de varios postos de artesanía.
Ás 13.30 horas terá lugar o pregón, que correrá a cargo do cociñeiro Xulio Mato, coñecido pola súa participación no programa ‘A Voltas co Prato’. A continuación realizarase a entrega de trofeos do VII Concurso de Tapas Castaña do Courel.
Pola tarde, ás 14.30 horas, subirá ao escenario o grupo Peitoescuro, e ás 16.00 horas actuará a agrupación tradicional Mestura de Nete. Durante esta franxa tamén se repetirá a degustación gratuíta de castañas e viño. Xa ás 17.00 horas, o grupo O Recanto será o encargado de amenizar a tarde.
A xornada continuará ás 20.00 horas cunha degustación gratuíta de caldo con castañas e unha cea popular na Praza do Concello, que incluirá empanada e panceta por un prezo de 5 euros. A música seguirá protagonizando a noite coa actuación do Dúo Dilema ás 22.00 horas e o concerto da banda Dr. Slump ás 23.00 horas. A festa chegará ao seu fin á 01.00 horas, de novo co Dúo Dilema pondo o ramo final.
Como complemento á programación festiva, a escritora Sonia María García García estará presente o sábado 7 de novembro asinando exemplares da súa saga histórica ‘Toca’, ademais do resto da súa obra, no posto habilitado pola Libraría Celia. Trátase dunha ocasión para que os asistentes poidan coñecer de primeira man a autora e achegarse aos seus libros durante a celebración.