Folgoso do Courel achégase aos oficios tradicionais con cursos e obradoiros gratuítos

Folgoso do Courel acolle ata este domingo, 9 de agosto, a sexta edición de “Artesanía de Galicia no Courel”, unha iniciativa da Fundación Artesanía de Galicia destinada a achegar os oficios tradicionais á cidadanía e reivindicar o valor dos produtos elaborados a man.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron este venres as actividades, que se desenvolven en diferentes espazos do municipio coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e da Fundación Uxío Novoneyra.
A programación busca tamén establecer unha conexión entre artesanía, paisaxe e territorio rural, dando a coñecer o traballo dos profesionais do sector e a marca Artesanía de Galicia.
Ata o domingo, a veciñanza e as persoas visitantes poderán participar en 11 obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos, centrados en técnicas como a estampaxe, o tecido tradicional en tear, a elaboración de pinturas ou a encadernación.
Na Casa do Concello están programadas actividades de técnicas de cerámica en mesa, impartidas por Olalla Lojo, de Misoco Designs, e diferentes propostas de estampaxe da man de Sandra Betanzos, de Amor ó teu. Ao longo dos días trabállase na creación de selos, a estampaxe de cadernos e panos, a serigrafía e as tipografías aplicadas a camisetas. Estas actividades desenvólvense de 10.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 18.00 horas.
A Fundación Uxío Novoneyra acolle, pola súa banda, un obradoiro de tecido en tear manual impartido por Lourdes Otero, de Fusaiola, centrado na técnica de felpado ou gorullo. Tamén se ofrecen diferentes propostas de Peixesapop, con actividades sobre a elaboración de pinturas con pigmentos, técnicas artísticas aplicadas ao tecido, creación de libros infinitos e encadernación australiana.
Estas últimas actividades teñen lugar de 11.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 18.00 horas, segundo a programación prevista para cada xornada.
O programa complétase con cinco cursos de iniciación a oficios artesanais, que requiriron inscrición previa. As propostas céntranse na ourivería, a cerámica, a ebanistería, o tecido e a cestería.
Na Casa do Concello, Carlos San Claudio imparte o curso de iniciación ao torno cerámico, mentres que na Antiga Escola Unitaria de Parada se desenvolven as propostas de iniciación á ourivería, con Susi Gesto, e de técnicas de ebanistería, a cargo de Rodrigo Mosquera, do obradoiro Tresoficios.
No aloxamento rural A Carbiña teñen lugar os cursos “Tecendo o chal das danzas”, impartido por Lola García, do obradoiro Logaro, e “Máscaras e aldeas de vimbio”, dirixido pola cesteira Julia de la Cal, de La Parabólica.
Con esta nova edición, a Xunta pretende seguir achegando a artesanía a públicos diversos e favorecer o coñecemento de técnicas e saberes tradicionais, ao tempo que se pon en valor o papel dos oficios artesanais como parte do patrimonio cultural e como elemento de dinamización do medio rural.