Finaliza con éxito a segunda edición do roteiro 'Educa Audiovisual' nas catro provincias galegas

LugoXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O programa, unha iniciativa da Xunta e Agapi, chegou a máis de 500 alumnos e alumnas de diferentes centros educativos de educación secundaria galegos
Imaxe do programa 'Educa Audiovisual'
19 Xuño 2024

Por segundo ano, a Xunta de Galicia desenvolveu coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), o roteiro 'Educa Audiovisual' polos Institutos de Educación Secundaria das catro provincias galegas. Unha iniciativa que busca achegar ao alumnado pezas do audiovisual galego e en galego de diferentes temáticas acompañadas dun coloquio posterior a cargo dalgún profesional do sector.

Así, os IES participantes este ano foron un total de dezaseis. Na provincia da Coruña: IES Xelmírez (Santiago), IES de Curtis (Curtis), IES Salvador de Madariaga e IES de Monelos (A Coruña), IES de Miraflores (Oleiros), IES Virxe do Mar (Noia) e o Ciclo Medio Saturnino Montojo (Ferrol). Na provincia de Lugo: IES Ánxel Fole (Lugo) e IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos). En Pontevedra: IES Valle Inclán e IES Frei Sarmiento (Pontevedra), IES Castelao (Vigo) e IES Francisco Asorey (Cambados). Finalmente, na provincia de Ourense participaron os seguintes centros: IES 12 de outubro (Ourense), IES Laboral (Ourense) e IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia).

Neste sentido, en cada un dos centros, proxectáronse algunha das pezas propostas no catálogo 'Educa Audiovisual' como: ‘A dobraxe en galego. Un modelo de normalización’ (Recrea Films); ‘Os camiños do neno labrego’ (Noveolas Producións); ‘Crianza’ (Sétima); ‘Aí ven o maio’ (Tamboura Films), ‘Elas, produtoras audiovisuais’ (Agapi) ou ‘Por Vir’ (Zeitun Films).

Tras o visionado, o alumnado puido manter unha conversa con profesionais como: Chema Gagino, Simone Saibene, Gael Herrera, Silvia Fuentes ou Marta Eiriz. Da man das produtoras audiovisuais, os mozos e mozas galegos puideron coñecer as diferentes formas de produción e os detalles de como se desenvolve o traballo audiovisual.

En definitiva, este roteiro que chegou a máis de 500 alumnos e alumnas, despertou grande interese nos centros de ensino. Cos seus resultados demostrou a importancia de achegar coñecemento profesional directo á mocidade, favorecendo a reflexión e o desenvolvemento do espírito crítico a través da aprendizaxe significativa.

 

0.19073796272278