Ferreiros reuniu música, improvisación oral e participación veciñal na cuarta edición do festival Brindadeira

A localidade de Ferreiros, no concello da Pobra do Brollón, acolleu a pasada fin de semana a cuarta edición do festival de improvisación oral Brindadeira, unha cita que reuniu á veciñanza arredor do brindo, unha das tradicións orais máis características da zona.
O programa arrancou o sábado coa proxección do documental Ao son da Nova Regueifa, incluída no ciclo Mestre Mateo, seguida dun coloquio. Ao longo da tarde celebrouse tamén un obradoiro de brindos aberto a persoas de todas as idades, sen necesidade de inscrición previa.
A música foi outra das protagonistas da primeira xornada, coa actuación do grupo A Voz das Mouras e a sesión posterior de A Sincereza DJ.
O domingo, a programación continuou coas Brind'Olimpiadas, unha actividade baseada en xogos vinculados á improvisación oral. O festival pechouse coa segunda edición da Cata de Tortillas Brindadeira, na que as persoas asistentes puideron elaborar e compartir as súas tortillas nunha degustación colectiva.
Desde a organización agradeceron a participación da veciñanza e a implicación de todas as persoas que colaboraron na celebración do evento, desde quen participou no obradoiro e nas Brind'Olimpiadas ata os cociñeiros e cociñeiras que elaboraron as tortillas, así como Rafa e Nuncy, do bar, e os grupos A Voz das Mouras e A Sincereza pola súa participación musical.
A organización tamén recoñeceu o apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do ciclo Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, que fixo posible a proxección do documental Ao son da Nova Regueifa.