Fademur acolle un milleiro de persoas en Lugo para reivindicar os dereitos das mulleres rurais

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais coincidiu co 20 aniversario de Fademur Galicia e incluíu charlas, coloquios, a entrega dos premios María José Arcos, música e teatro
Día-das-Mulleres-Rurais-Fademur-Lugo
15 Oct 2026

Arredor dun milleiro de persoas participaron o xoves 15 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo na celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais, organizada por Fademur Galicia. A xornada serviu tamén para conmemorar os vinte anos da federación e poñer en valor o traballo das mulleres na agricultura, a gandaría e o desenvolvemento dos territorios rurais.

Baixo o lema "Mulleres rurais: liderado, xustiza e dereitos", o encontro combinou actividades reivindicativas e lúdicas cun programa centrado nos obstáculos que aínda dificultan a igualdade efectiva. Entre as cuestións abordadas estiveron as dificultades para acceder á terra, ao crédito, á formación e á tecnoloxía, así como a participación feminina nos espazos de decisión, a violencia de xénero e a necesidade dunha Política Agraria Común (PAC) máis xusta e con perspectiva de xénero.

A secretaria xeral de Fademur Galicia, Rosa Arcos, conduciu o acto, que contou na apertura coas intervencións das presidentas da federación en Galicia e España, Verónica Marcos e Teresa López; do secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e da presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López.

A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, participou tamén na xornada. A súa presenza estivo vinculada ao apoio prestado á reclamación de Fademur Galicia para impedir que avogados con condenas por violencia machista defendan vítimas a través da quenda de oficio.

O programa incluíu un coloquio sobre liderado feminino, emprendemento, visibilidade e empoderamento, no que participaron Montse Cortiñas, vicesecretaria xeral da Unión de Pequenos Agricultores (UPA); Maricarmen Sánchez, e Raquel García.

Primeiros Premios María José Arcos

A celebración acolleu a primeira edición dos Premios María José Arcos, creados para recoñecer a mulleres referentes polo seu traballo, traxectoria e compromiso co medio rural. Os galardóns lembran a figura de María José Arcos, traballadora de Unións Agrarias, sindicalista vinculada á UGT e unha das persoas fundamentais na creación e posta en marcha de Fademur.

Felisa García Corbal, gandeira de Cospeito afiliada a Unións Agrarias desde 1991, e Elisa Rial Fariña, gandeira de Santa Comba afiliada desde 1988, recibiron o premio "As que nos trouxeron ata aquí". O recoñecemento destacou o seu compromiso co sector agrogandeiro, o activismo social e a participación nas mobilizacións en defensa do sector primario.

A regueifeira Lupe Blanco foi distinguida pola súa defensa da lingua galega, a tradición oral, o rural e a igualdade. Pola súa banda, María Dolores Fernández Galiño recibiu outro dos premios polo seu compromiso coa loita contra a violencia de xénero e coa atención ás necesidades do medio rural.

A xornada completouse cun espazo de exposición e venda de produtos agroalimentarios e artesáns no que participaron case 40 expositoras. As actuacións musicais e culturais de Lupe Blanco, Teté Teatro e o grupo tradicional de pandeireteiras A Volta do Agro puxeron o broche final ao encontro, celebrado no marco do Ano Internacional das Agricultoras 2026.

Besteiro pide dotar de orzamento o estatuto das mulleres rurais

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou na celebración e aproveitou a cita para reclamar medidas contra a fenda de xénero no medio rural. Segundo sinalou, as mulleres representan o 53 % das persoas perceptoras das axudas da Política Agraria Común (PAC) en Galicia, pero reciben case un 39 % menos que os homes.

Besteiro tamén pediu que o estatuto das mulleres rurais conte con recursos económicos nos orzamentos autonómicos de 2027. O dirixente socialista considera que a norma chega tarde e cuestiona que non dispoña dunha dotación orzamentaria específica. "Non queremos un estatuto baleiro de orzamentos, queremos que se encha cos orzamentos da Xunta de Galicia e cos fondos de cohesión europea", afirmou.

O líder do PSdeG tamén criticou o reparto do Fondo de Compensación Interterritorial por parte da Xunta e acusou o Goberno galego de discriminar Lugo e Ourense, dúas provincias nas que, segundo indicou, as mulleres rurais teñen unha presenza destacada.

Presenza da Deputación de Lugo

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, agradeceu a FADEMUR o seu traballo ao longo destes 20 anos e o seu acompañamento “a tantas mulleres e por converter dificultades individuais en reivindicacións colectivas”. E destacou a aposta da Deputación polo traballo desta asociación, que se traduce na “reclamación de servizos públicos e no desenvolvemento de distintos programas de apoio á formación e ao emprendemento das mulleres do rural”.

Tamén salientou que “a responsabilidade das institucións, é escoitar ás mulleres, máis agora que nunca, e poder crear espazos coma estes nas que elas mesmas, de maneira colectiva, reivindiquen o que noutros tempos non tiveron”. A presidenta provincial lembrou a “todas aquelas mulleres que o tiveron máis difícil. Ás que traballaron toda a vida dentro e fóra da casa, sostendo as súas familias e a economía do rural, pero ás que tantas veces non se lles recoñeceu o seu traballo”.

O peche oficial do acto que correu a cargo do deputado provincial de de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, e a secretaria xeral e directora de proxectos de FADEMUR, Rosa Arcos. A regueifeira Lupe Blanco actuou a continuación, antes da degustación de produtos da terra. Esta regueifeira bergantiñana, través do proxecto Regueifandopolavida, conseguiu dar visibilidade nas redes sociais a esta arte en toda Galicia e leva participado en festivais de dentro e de fóra de España.

Ademais, ao longo da xornada, máis dunha vintena de mulleres expuxeron produtos de artesanía e de agroalimentación, para dar a coñecer os seus traballos, compartir experiencias e establecer contactos entre iniciativas do medio rural. FADEMUR-Galicia agrupa a unhas cen asociacións de mulleres rurais en toda a comunidade. A súa misión é promover a igualdade, o progreso e o empoderamento das mulleres do medio rural, ofrecendo apoio e acompañamento en ámbitos sociolaborais, educativos e sociais, así como fomentando a súa participación na vida comunitaria e na toma de decisións.

0.15314292907715