Extinguido o incendio de Vimianzo e Laxe e continúa estabilizado o de Ribas de Sil

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 14.30 horas de hoxe
vimianzo-incendio-forestal
14 Jul 2026

Ás 14.00 horas de hoxe quedou extinguido o incendio rexistrado nos concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe, que se fusionou, como un único lume, tras unirse os iniciados na parroquia de Salto, en Vimianzo, ás 20.16 horas do sábado, e na de Nande, en Laxe, ás 21.55 horas dese mesmo día.

Este lume afectou finalmente unha superficie total de 228,58 hectáreas, das cales 177,8 foron de monte arborado e as restantes 50,78 de raso. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado e conxunto, 4 técnicos, 56 axentes, 69 brigadas, 62 motobombas, 5 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 1 avión.

Por outra banda, permanece estabilizado, desde as 18.47 horas de onte luns, o incendio do concello de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 180 hectáreas.

Neste lume, que se iniciou ás 18.22 horas do sábado, foi preciso declarar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas, unha situación operativa que quedou desactivada na madrugada do domingo. Para a extinción deste incendio mobilizáronse, polo de agora, de xeito acumulado, 8 técnicos, 40 axentes, 58 brigadas, 44 motobombas, 4 pas, 9 helicópteros e 8 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

0.12780284881592