Extinguido o incendio de Ribas de Sil, que arrasou 190 hectáreas

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
Neste incendio declarouse temporalmente a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas, unha situación operativa que quedou desactivada na madrugada do domingo
incendio-ribas-de-sil-desde-quiroga
16 Jul 2026

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello lucense de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, quedou extinguido ás 23.04 horas de onte. O lume iniciouse o pasado sábado, día 11, ás 18.22 horas, e afectou finalmente 190 hectáreas, das cales 133 foron de monte raso e as 57 restantes de arborado.

Neste incendio declarouse temporalmente a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas, unha situación operativa que quedou desactivada na madrugada do domingo. Para a súa extinción mobilizáronse en total, de xeito acumulado, 8 técnicos, 45 axentes, 65 brigadas, 47 motobombas, 4 pas, 9 helicópteros e 8 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

0.12092804908752